O BNG reclama, nunha moción, a retirada das denuncias do Goberno local @s veciñ@s de Durmideiras
A Coruña, 28 de febreiro de 2013.- A concelleira do BNG Avia Veira presentou esta mañá en rolda de prensa unha das mocións que as nacionalistas levarán á sesión plenaria de marzo, que terá lugar este luns, en que solicitan a retirada da denuncia do Concello da Coruña contra os membros da Comisión de Afectados e Afectadas de Durmideiras. Tamén pide o Grupo Municipal do BNG que se lle permita ao pobo asistir con liberdade aos Plenos, que o Goberno do Sr. Negreira deixe de empregar a Policía Local para disuadir as veciñas e os veciños e que se cumpran as disposicións do Regulamento Orgánico de Participación Cidadá que permiten participar directamente a cidadanía nas reunións do Pleno.
Veira explicou en rolda de prensa que sete membros da Comisión de Afectadas e Afectados de Durmideiras veñen de recibir unha citación xudicial en calidade de denunciados polo Concello da Coruña, por delito ou falta contra a orde pública e un delito ou falta de desobediencia no Pleno do Concello da Coruña do 6 de agosto de 2012. As persoas denunciadas están chamadas a declarar o próximo 23 de maio, no Xulgado de Instrucción número 7.
Estas persoas asistiron porque nunha asemblea aberta de veciñas e veciños de Durmideiras, as persoas alí presentes acordaron conxuntamente asistir ao Pleno extraordinario do Concello da Coruña do 6 de agosto de 2012 no que se aprobaría provisionalmente o PXOM que contempla as edificacións no contorno da Torre de Hércules e Durmideiras, expuxo Veira. A veciñanza do lugar non está de acordo con estas edificacións porque sobresaturarían unha zona xa de por si habitada, porque se construirían no contorno de protección da Torre de Hércules como Patrimonio da Humanidade e porque entenden que se está a especular cun espazo libre e verde do que non van poder gozar se se edifica, engadiu.
O Goberno municipal pretendeu que algunhas destas persoas non accedesen ao Salón de Plenos a través de mentiras
A concelleira do BNG denunciou que o Goberno municipal pretendeu, o propio día do Pleno, que algunhas persoas non accedesen ao Salón de Plenos a través de mentiras. Presionouse mediante a presenza dun número elevado de efectivos policiais e de advertencias continuadas por parte destes só os membros da Comisión; pois non se actuou do mesmo xeito con outras persoas presentes no mesmo Pleno nin se actúa da mesma maneira con outras persoas noutras sesións, advertiu.
Veira puxo de manifesto que o único que fixeron estas persoas durante a sesión plenaria foi expresar o seu descontento coa pretendida especulación nas Durmideiras mediante a exposición de carteis reivindicativos, non ofensivos, que recollían o seguinte: Non á edificación en Durmideiras, melloras para o barrio si, especulación urbanística non. As persoas denunciadas comportáronse de xeito pacífico e cívico e non ofreceron oposición nin resistencia cando a Policía lles ordeou abandonar o salón, salientou. De aí que insistira en reclamar a retirada das denuncias contra os membros da Comisión de Afectados e Afectadas de Durmideiras, dado que non é solución para resolver os problemas que padecen e que deron lugar á súa constitución como colectivo.
A edila nacionalista sinalou que estas denuncias teñen como obxectivo chamar a atención sobre o resto da cidadanía para disuadila de expresar a súa opinión contraria ás políticas do PP.
Ademais desta moción, as nacionalistas tamén formularán no Pleno do luns unha pregunta oral na que se interesan polos motivos que levaron o Goberno municipal a denunciar os membros da Comisión de Afectados e Afectadas de Durmideiras.
Podes ver un extracto da rolda de prensa de Avia Veira se picas nesta ligazón