A oficina contra o cambio climático non foi máis que unha declaración de intencións
A Coruña, 14 de xaneiro de 2014.- A suposta oficina municipal contra o cambio climático encargada de coordinar e executar a Estratexia contra a mudanza climática está nunha situación incerta, xa que segundo o prego de prescricións técnicas particulares que rexe a contratación dunha asistencia necesaria para o desenvolvemento dunha experiencia piloto de posta en marcha dunha Oficina contra o Cambio Climático de apoio ao Pacto dos alcaldes estabelecía a finalización do contrato o 31 de decembro de 2013.
O Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego acusa ao Goberno do Sr. Negreira de xestión chapuceira pois o Concello da Coruña adheriuse ao Pacto dos Alcaldes en abril de 2012 e os pregos da Oficina estabelecían que o Plan de Acción de Enerxía Sustentábel debía presentarse no prazo dun ano a partir da sinatura oficial do Pacto dos Alcaldes. Dado que na data de abril de 2013 aínda non estaba realizado o Plan de Acción, o Goberno Municipal tivo que verse obrigado a solicitarlle unha prórroga á Oficina de Pacto dos Alcaldes.
É a finais do pasado ano cando o Goberno leva á Xunta de Goberno Local de 27 de decembro de 2013 o Plan de Acción de Enerxía Sustentábel 2014-2020 en cuxo expediente recollen que a finalización da prórroga é inminente mais agochan que o aproban a catro días da finalización do contrato da Oficina.
O Bloque Nacionalista Galego denuncia a falta de interese do Goberno do Sr. Negreira para que este de Plan de Acción sexa algo máis que unha mera declaración de intencións ao non garantir a continuidade no seu seguimento porque a empresa concesionaria da Oficina contra o Cambio Climático rematou o seu contrato o 31 de decembro de 2013 e aínda que, supostamente, a creación desta oficina serviría como experiencia piloto para unha hipotética futura implantación dunha oficina de loita contra a mudanza climática no servizo de Medio Ambiente neste momento nada se sabe da súa posíbel creación ou licitación.
O Grupo Municipal do BNG demanda que esta Estratexia contra o Cambio Climático da Coruña sexa algo máis que unha declaración de intencións e que se convirta nunha ferramenta útil para a dinamización das políticas de loita contra a mudanza climática.