O BNG advirte de que a ordenanza de ruídos precisa melloras importantes
A Coruña, 14 de xaneiro de 2014.- O Grupo Municipal do BNG considera que a ordenanza de protección contra a contaminación acústica, aprobada inicialmente no pleno desta mañá só cos votos do Partido Popular, necesita mellorarse, especialmente, no referido aos comportamentos exteriores. O portavoz do Bloque, Xosé Manuel Carril, sinalou, ao respecto, que hai cuestións moi perigosas para os dereitos fundamentais e as liberdades públicas, como son as relacionadas con reunirse tumultosamente.
Así, na súa intervención, o nacionalista puxo de manifesto que por conta da contaminación acústica o Goberno do PP estabelece algunhas medidas que, pola súa imprecisión, son moi dubidosas e mesmo perigosas. Afirmou que, alén dos arts. 53 e 54., o precepto máis salientábel é o 52 cando, no seu apartado 2, letra e), fala de reunirse tumultuosamente en zonas de pública concurrencia como plazas públicas. De aí que lle exixira ao Goberno municipal que precisara que entende por tumultuosamente ou alarma social no vecindario. Así, insistiu en que debería figurar acreditado e aclarado que se entende polos termos anteriormente citados. Sinalou que a ordenanza recolle para tales actos infraccións leves sancionadas con multas de até 600 euros.
O BNG pronúnciase contra a privatización da actividade inspectora e advirte de que a realización da función inspectora por persoal de entidades privadas é ilegal no que ten a ver coa súa implicación no procedemento administrativo sancionador
Tamén fixo fincapé Carril na privatización da actividade inspectora, de vixilancia e control, que o BNG non comparte. Afirmou que, tal e como se recolle no proxecto de ordenanza do Goberno do Sr. Negreira, a realización da función inspectora por persoal de entidades privadas é ilegal no que ten a ver coa súa implicación no procedemento administrativo sancionador, na medida en que o persoal das entidades privadas non ten a consideración legal de axentes da autoridade. E é que, tal e como subliñou o portavoz do Bloque, amais de permitir que o persoal de entidades privadas de control poidan realizar labores de inspección, de vixilancia e control como axentes da autoridade, a ordenanza contempla a súa implicación no que ten a ver co procedemento administrativo sancionador. Así se recolle no artigo 60, sobre actas de inspección, boletíns de denuncia e informes técnicos complementarios, cando se inclúe, no seu punto dous, entre as formalidades exixidas a sinatura do axente de policía municipal, técnico municipal e/ou técnico habilitado.
Carril advertiu de que, tal e como está redactada a ordenanza en cuestión, a actividade inspectora, de vixilancia e control pode ser realizada polo persoal de entidades privadas de control sen ir acompañados de funcionarios, porque a propia normativa non o exixe expresamente. Lembrou o portavoz nacionalista que a función inspectora relacionada coa sancionadora só lles corresponde ás Administracións Públicas e só se leva a cabo por funcionarios, aos que se lles recoñece a condición de autoridade. Así, insistiu en que non debería estar participada por persoal de entidades privadas de control, xa que este persoal non ten a consideración legal de axente da autoridade.
O BNG denuncia a autoexclusión do Concello en materia de ruído por obras
Pola outra banda, Carril tamén se referiu á autoexclusión das actividades do Concello nesta ordenanza en materia de ruídos por obras, en relación ao que se lles esixe a particulares e empresas. Citou os arts 50.1, 50.2 e 50.3 do proxecto de ordenanza, artigos que lles exixen aos particulares e ás empresas o cumprimento da normativa en obras susceptíbeis de producir ruídos. Porén, salientou que mentres o Concello lles exixe aos demais, de maneira inmediata, a execución da normativa en materia de ruídos por obras da ordenanza, o propio Concello autoexclúese e toma a súa execución con calma e sen prazos. Así no artigo 50.1, (parágrafo segundo) sinálase que o Concello da Coruña promoverá, con carácter general, el uso de maquinaria y equipos de baja emisión acústica, y, en particular, fomentará dicho tipo de maquinaria en el ámbito de la contratación pública de obras, suministros y prestación de servicios (limpieza pública y recogida de residuos sólidos urbanos, mantenimiento de parques y jardines, etc). Engadiu que mesmo para a eliminación progresiva de bandas rugosas existentes e a súa substitución por outros elementos que garanticen a sinalización dos límites de velocidade non marca ningún prazo como ben recolle tamén o parágrafo segundo do art. 50.1, de igual forma, procederá progresivamente á eliminación de bandas rugosas existentes e a súa substitución por outros elementos que garanticen a sinalización dos límites de velocidade.
O réxime de adaptación, nun limbo
Ademais Carril aludiu ao réxime de adaptación da normativa, que fica nun limbo e que é necesario precisar. Referiuse ao art. 3.2, actividades e instalacións autorizadas con anterioridade, en que o deber de adecuación non opera sen máis, senón só cando se acometan as actuacións ás que se refire ao artigo. E tamén falou do art. 25, sobre a adecuación das actividades ás disposicións da ordenanza. Sinalou que no seu apartado 1 remite a períodos transitorios da disposición transitoria única. Porén, puxo de manifesto que esta disposición transitoria non marca prazos, senón que recolle só tres casos que determinan que hai que adaptarse. Engadiu que só é claro o aparatado 4, que require da adopción de medidas correctoras nun prazo de tres meses, tal e como indica o art. 63.