As obras nocturnas da Mariña non foron autorizadas até o pasado martes
A Coruña, 13 novembro de 2014- O Grupo Municipal do BNG denuncia que o Goberno do Sr. Negreira mentiu descaradamente: as obras da Mariña en horario nocturno non foron autorizadas até antonte, día 11 de novembro de 2014, data en que está asinado polo concelleiro de Medio Ambiente o decreto de autorización. As nacionalistas, que tiveron acceso ao expediente no día de hoxe, puideron comprobar como a Autoridade Portuaria, titular das obras, non lle solicitou a autorización ao Concello até o 14 de outubro de 2014 unha vez comezaron a xurdir as denuncias dos veciños e veciñas afectadas polo ruído. E isto, malia que o 22 de xullo de 2014 na comisión semanal de seguimento das obras entre o Concello e a Autoridade Portuaria acordouse acceder á petición da construtora, Copasa, de prolongar as obras en horario nocturno e deste modo cumprir o prazo contractual da obra.
Deste xeito, Copasa, coa complicidade do Goberno do Sr. Negreira e da Autoridade Portuaria, estivo acometendo as obras en horario nocturno na contorna da Mariña durante o verán de xeito ilegal e sen contar coa preceptiva autorización municipal, que foi asinada polo concelleiro de Medio Ambiente o 11 de novembro de 2014. Lembran as nacionalistas que a ordenanza municipal de protección contra a contaminación acústica recolle, no seu artigo 50.6, que o Concello poderá eximir os titulares das obras do cumprimento de todas ou algunhas das obrigas indicadas no artigo e que a autorización municipal para estes supostos concederase, previa solicitude, na que se especificará horario, duración, período de actuación, maquinaria utilizada e memoria xustificativa da necesidade de exención do cumprimento da Ordenanza.
Pola outra banda, as nacionalistas sinalan que a ordenanza está a ser incumprida polo propio Concello e pola Autoridade Portuaria tanto no relativo á información á veciñanza -pois a día de hoxe aínda non lle foi comunicada a citada autorización do día 11 de novembro de 2014 nin as condicións impostas para o desenvolvemento das obras neste tramo horario- como no relativo á publicación destas informacións no Sistema de Información Ambiental Municipal (que está na web municipal de Medio Ambiente http://www.coruna.es/infoambiental/).
O Goberno local púxolle numerosas trabas ao BNG para que non accedera até o día de hoxe ao expediente. O motivo: non existía a autorización
O Grupo Municipal do BNG salienta que agora se entenden as numerosas trabas e falacias que sufriu por parte da Concellaría de Medio Ambiente para que non puidera acceder até o día de hoxe ao expediente.
As nacionalistas lembran que solicitaron acceso ao expediente o 17 de outubro de 2014. O 27 de outubro de 2014, dada a demora na resposta da Alcaldía ao Bloque, o portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, personouse no departamento de Alcadía para ter coñecemento da resposta. A autorización da Alcaldía non lle chegou ao Bloque até o 30 de outubro de 2014 e xa o día 31 de outubro de 2014 as nacionalistas presentáronse nas dependencias de Medio Ambiente para poder consultar a documentación e non se lles permitiu o acceso ao expediente baixo a xustificación de non atoparse alí presente a xefa de Servizo de Medio Ambiente.
O 3 de novembro de 2014, o Grupo Municipal do BNG púxose en contacto, até en catro ocasións, co Servizo de Medio Ambiente co fin de que se lle permitise acceder o expediente e, outravolta, non foi posíbel, dado que, desta vez, a xefa de Servizo se atopaba reunida. Ante as peticións de explicacións por parte do BNG, desde Medio Ambiente comentouse que se porían en contacto co Grupo Municipal en canto a xefa de Servizo ficase libre. Ao final, na mañá do 4 de novembro de 2014, o BNG logrou contactar coa Xefatura de Servizo de Medio Ambiente, que lle informou que o expediente estaba directamente en mans do concelleiro Enrique Salvador (algo insólito na consulta de expedientes por parte dos membros da Corporación municipal) e que se poría en contacto con este Grupo Municipal, sen que así o fixese.
Despois de repetidas chamadas á Concellaría de Medio Ambiente, non foi até o 11 de novembro de 2014, é dicir, a data en que se asinou o decreto de autorización das obras nocturnas da Mariña, cando as nacionalistas (mediante unha chamada realizada a Medio Ambiente) puideron, por fin, concertar unha cita para o día de hoxe. Isto confirma que os atrasos se deberon a que non existía a autorización e que todo o que lle transmitiran ao Bloque eran escusas e mentiras.