Os orzamentos de Emprego e empresa carecen de proxecto para dinamizar a economía
A Coruña, 12 novembro de 2014- O Grupo Municipal do BNG sinala que os orzamentos da Concellaría de Emprego e Empresa para 2015 carecen dun proxecto para dinamizar a economía produtiva da cidade e experimentan unha espectacular baixada de 698.548,15 euros respecto dos orzamentos do ano anterior. Este descenso explícao, en gran medida, a redución dos cartos que achega o Concello ao Consorcio de Turismo, que cae en 735.727,85 euros. Estes datos evidencian que, despois de tres anos, o Goberno do PP decatouse de que a súa teima en apostar polo turismo resultou ser un fracaso.
Ademais, o Grupo Municipal do BNG salienta que os orzamentos desta Concellaría para 2015 poñen de manifesto, máis unha vez, que o Goberno do Sr. Negreira carece de ideas para reactivar a economía e a creación de postos de traballo. É significativo que o Partido Popular, tan dado a debullar os orzamentos por fascículos en roldas de prensa anteriores á aprobación dos orzamentos en Xunta de Goberno, renunciara este ano a presentar en rolda de prensa as contas da Concellaría de Emprego e Empresa, sendo o desemprego o problema que máis lle preocupa á veciñanza.
Mostra de que o Goberno do Sr. Negreira carece de ideas, afirman as nacionalistas, é o segundo posto en importancia das partidas de Estudos técnicos e outros traballos dos distintos apartados en que se organizan os orzamentos desta Concellaría. Deste xeito, o Goberno local volve gastar cartos públicos en consultorías dada a súa incapacidade por achegar propostas que promovan a dinamización da economía, engaden.
Malia o paro, a precarización e a emigración, o PP conxela as partidas do plan de dinamización do comercio local e da formación para o emprego
O Grupo Municipal do BNG critica que malia os datos do desemprego, a precarización do traballo e a crecente emigración, o Goberno local conxele as partidas do plan de dinamización do comercio local, que se mantén en 700.000 euros, e de formación para o emprego, que se mantén en 877.000 euros. Deste xeito, volve quedar demostrado o Partido Popular non cre nos sectores produtivos da Coruña e da comarca, capaces de crear emprego estábel e de calidade.
Por último, as nacionalistas indican que a Concellaría de Emprego subvenciona con 8.000 euros dúas asociacións pertencentes á Federación de Autónomos de Galiza, cuxo presidente está imputado na Operación Zeta. Trátase da asociación Centro Comercial Urbano Agra Barcelona, á que o Goberno local lle dá 4.000 euros, e o Centro Comercial Urbano Torre de Hércules, que tamén recibe 4.000 euros. E, por outro lado, subliñan que se manteñen os convenios nominativos desta Concellaría coas asociacións veciñais e de comerciantes vinculadas ao Partido Popular.