O BNG exíxelle ao Goberno local que inicie o proceso sancionador contra a Autoridade Portuaria
A Coruña, 14 novembro de 2014- O Grupo Municipal do BNG exíxelle ao Goberno do Sr. Negreira que inicie o procedemento administrativo sancionador contra a Autoridade Portuaria, titular das obras que se están a acometer na Mariña, por incumprir a ordenanza municipal de protección contra a contaminación acústica. As nacionalistas advirten de que a empresa adxudicataria, Copasa, leva acometendo obras na contorna da Mariña en horario nocturno desde o verán sen a autorización do Concello; isto é, de maneira ilegal. E é que o concelleiro de Medio Ambiente aínda asinou o preceptivo decreto de autorización das obras o pasado martes, 11 de novembro de 2014.
O Grupo Municipal do BNG salienta que o artigo 67.2.t da citada ordenanza tipifica como infraccións administrativas graves o incumprimento das prescricións contidas no artigo 50.1 da presente Ordenanza en relación aos horarios autorizados e sen adoptar as medidas necesarias na maquinaria auxiliar empregada. Ademais, o artigo 72.b recolle sancións por infraccións graves relativas a actividades susceptíbeis de produciren ruídos unha multa de entre 601 a 12.000 euros, atendendo aos criterios de gradación do artigo 73 (entre os que figura o período horario).
A Autoridade Portuaria solicitou a autorización para obrar en horario nocturno o 14 de outubro de 2014, cando empezaron a facerse públicas as protestas da veciñanza afectada
O expediente ao que tivo acceso o BNG no día de onte recolle a solicitude de autorización da Autoridade Portuaria para obrar en horario nocturno na Mariña, que ten como data de entrada no rexistro municipal o 14 de outubro de 2014, precisamente, cando xa os veciños e veciñas comezaron a protestar publicamente polo ruído sufrido. Tamén inclúe o expediente a decisión adoptada o 22 de xullo de 2014 na comisión semanal de seguimento das obras de acceder á petición da construtora, Copasa, de prolongar as obras en horario nocturno para cumprir o prazo contractual da obra.
A ordenanza recolle no seu artigo 50.6 que o Concello poderá eximir os titulares das obras do cumprimento de todas ou algunhas das obrigas indicadas no artigo e que a autorización municipal para estes supostos concederase, previa solicitude, na que se especificará horario, duración, período de actuación, maquinaria utilizada e memoria xustificativa da necesidade de exención do cumprimento da Ordenanza.