De novo, o TSXG avala a retirada de honras e distincións a falanxistas

De novo, o TSXG avala a retirada de honras e distincións a falanxistas

A Coruña, 8 de xaneiro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG amosa a súa satisfacción logo de ter coñecemento da Sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza de 15 de novembro de 2012 (que se achega con esta nota), que desestima o recurso de apelación interposto contra a Sentenza do Xulgado Contencioso-Administrativo número 3 da Coruña de 16 de xaneiro de 2012, que consideraba válida e legal a decisión do Concello da Coruña de retirar no seu día os honores e distincións a Juan Canalejo, en aplicación da Lei 52/2007, de 26 de decembro, de memoria histórica. Deste xeito, o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza confirma que foi legal a decisión do Goberno municipal anterior de retirarlle a denominación dunha rúa a Juan Canalejo.

As nacionalistas lembran que, con esta, xa son tres as sentenzas ditadas polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza que amparan as decisións municipais de retirada de honras e distincións a militares, falanxistas e persoas ás que o réxime franquista quixo ensalzar por méritos que para nada casan co fomento de valores e principios democráticos. Ás anteriores Sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza de 21 de outubro de 2010 (rec. 4343/2010, asunto Teniente Coronel Agapito) e de 3 de maio de 2012 (rec. 4347/2011, asunto Millán Astray, desestimando o recurso presentado pola Asociación Cultural y Deportiva de Veteranos de la Legión 20 de septiembre), hai que engadir agora a súa Sentenza de 15 de novembro de 2012 (rec. 4229/2012, asunto Juan Canalejo).

Queda pendente, lembra o Grupo Municipal do BNG, a Sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza que dea resposta ao recurso de apelación presentado pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña contra a Sentenza do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 3 da Coruña de 1 de xullo de 2011, pola que se anulaba a retirada da distinción de fillo predilecto da Coruña a Millán Astray.

A citada Sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de 15 de novembro de 2012 (rec. 4229/2012, asunto Juan Canalejo) contén unha importante interpretación a respecto da legalidade do procedemento seguido para a retirada de distincións a Juan Canalejo que podería terse en conta para resolver o recurso de apelación da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña no caso Millán Astray. Porén, queda a dúbida xurídica da aplicación retroactiva da Lei 52/2007 ás distincións anteriores ao 1936 (que foi, precisamente, a fundamentación xurídica para a anulación en primeira instancia da retirada da distinción a Millán Astray, ao ser esta anterior ao ano 1936).

É por isto que, sen prexuízo de amosar a satisfacción polos fallos positivos que xa se coñecen do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, hai que esperar á resolución xudicial do Tribunal Superior de Xustiza que queda pendente sobre Millán Astray e ser prudentes na interpretación da xurisprudencia do citado Tribunal Superior de Xustiza.

 

De novo, o TSXG avala a retirada de honras e distincións a falanxistas