Os recortes do PP só provocan máis destrución de postos de traballo e máis pobreza
A Coruña, 8 de xaneiro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG advirte de que A Coruña é a provincia galega na que máis aumentou o número de persoas afectadas por Expedientes de Regulación de Emprego (ERE) de exitinción. O número de traballadores e traballadoras que perderon o seu posto de traballo no 2012 por un despido colectivo aumentaron un 30% na provincia entre xaneiro e outubro, sumando, así, 1.268 persoas afectadas, segundo os últimos datos do Ministerio de Traballo.
O aumento do número de persoas afectadas por ERE na provincia e os últimos datos do paro, con 1.917 persoas máis no desemprego que hai un ano só na cidade da Coruña, demostran que os recortes adoptados polo PP desde as distintas administracións só serven para destruír emprego e para empobrecer o pobo.
Precisamente, o Grupo Municipal do BNG levou a Pleno, en varias ocasións, iniciativas para coñecer o grao de cumprimento dos acordos adoptados, por unanimidade, en defensa de postos de traballo en empresas afectadas por ERE. As nacionalistas recibiron, polo de agora, a calada do alcalde como resposta.
A reforma laboral aplaudida polo Sr. Negreira destrúe postos de traballo e provoca precarización
O Grupo Municipal do BNG xa sinalara que a reforma laboral do PP, tan aplaudida polo Sr. Negreira e pola conselleira coruñesa Beatriz Mato, non ía crear postos de traballo, senón que ía destruílos e provocaría precarización. Os datos do Ministerio de Traballo demostran que a reforma laboral celebrada polo alcalde da Coruña atenta contra os traballadores e traballadoras, que se ven máis empobrecidos, e só enriquece a patronal.
Neste contexto, as nacionalistas poñen de manifesto que ningunha das reformas laborais realizadas recentemente, tanto do PSOE como do PP, serviron para crear emprego. Ademais de destruír postos de traballo, estas reformas só contribuíron a precarizar o emprego existente e a abaratar o despido.
A que espera o Goberno municipal para reaxir?
Neste contexto, o Grupo Municipal do BNG pregúntase que máis ten que pasar para que o Goberno do Sr. Negreira reaccione e abandone e adopte medidas que contribúan a impulsar os sectores estratéxicos da cidade: pequeno e mediano comercio, hostalaría, polígonos industriais, universidade, actividades marítimo-pesqueiras ou ría do Burgo, entre outros.