O BNG propón nunha moción o uso de software libre na Coruña, que aforraría 543.000 só este ano
A Coruña, 9 de xaneiro de 2012.- A concelleira do BNG Avia Veira presentou esta mañá ante os medios unha moción encamiñada a promover o uso do software libre no Concello da Coruña, unha iniciativa que o Grupo Municipal do BNG consultou con colectivos en defensa deste sistema de uso libre. Tal e como salientou Veira, de usar a Administración local o sotfware libre, aforraríase, só este ano, un total de 543.175,14 euros en licenzas. Precisamente, os orzamentos de 2013 recollen dúas partidas para a compra de software: a partida xenérica do Concello, que ascende a 530.175,14 euros, e a do IMCE, de 13.000 euros.
Veira explicou na rolda de prensa que o uso e promoción de software libre é unha das propostas recollidas no programa electoral das municipais porque o sofware privativo é ineficiente para as institucións públicas, "xa non só polo custo das licenzas, senón tamén pola dificultade de que se adapte ás necesidades concretas do Concello". "Empregar ferramentas en software libre sen custo de licenza xunto co desenvolvemento de solucións xeneradas en clave local permite aforrar e permite tamén adaptarse ás necesidades do Concello", engadiu.
Ademais, a nacionalista expuxo que o software privativo "xenera dependencia tecnolóxica das multinacionais e supón unha desvinculación co tecido produtivo, nomeadamente do local, porque nin ten impacto económico nin de emprego na Coruña". Tamén apuntou que é apenas existe este tipo de software en lingua galega.
Os cartos do software privativo poderían investirse no tecido local TIC e na UdC
Fronte ao enriquecemento das multinacionais, a concelleira do BNG propón investir eses cartos de software privativo no tecido local TIC e na UdC, "é un xeito de fomentar os sectores produtivos e de crear riqueza e postos de traballo". "En épocas de crise, a capacidade de innovación debe ser motor de sustentabilidade e de dinamización de emprego", advertiu ao respecto. "Se o Goberno municipal presume de xestionar con eficiencia os cartos públicos, o lóxico sería que apostase polo software libre", salientou.
Nun momento en que o Concello da Coruña está a desenvolver iniciativas para estender o uso das TIC e da dixitalización, o Grupo Municipal do BNG, sinalou Veira, propón orientar o investimento cara a solucións de software libre, que domina case todos os campos tecnolóxicos.
O BNG insta a aprobar un plan de migración dos sistemas informáticos do Concello a software libre en tres meses
Neste contexto, tal e como explicou a concelleira, o BNG propón que o Concello aprobe, no prazo de tres meses, un plan de migración dos sistemas informáticos da Administración local suxeitos a licenza, de xeito que non haxa necesidade de renovalas.
Tamén solicita que o Pleno faculte a Alcaldía para elaborar un plan de investimentos en desenvolvemento de software libre cos aforros producidos polas licenzas que non se renovan e que teña en consideración as empresas TIC da Coruña.
Ademais, o BNG solicita que se introduza no Plan Director da Axenda Dixital a priorización do uso de software de código e formatos libres, sempre que exista alternativa neste tipo de software.