Novo negocio da Autoridade Portuaria: o uso non portuario de edificios permitiralle facer caixa
A Coruña, 3 de novembro de 2014.- Logo da publicación no día de onte no BOE da modificación substancial da delimitación de espazos e usos portuarios do Porto da Coruña, o Grupo Municipal do BNG considera que Autoridade Portuaria ten outra forma de facer caixa a través do uso non portuario dos edificios da avenida do Porto, que poden ter uso hoteleiro no caso de seren edificios históricos en desuso. Esta modificación do PUEP, sinalan as nacionalistas, non está pensada nas necesidades da cidade da Coruña, senón nos intereses urbanísticos e económicos da Autoridade Portuaria e das promotoras.
O novo PUEP e a liberalización portuaria do Real Decreto-lei 8/2014: grandes beneficios para a Autoridade Portuaria, co uso hoteleiro dos seus edificios históricos en desuso
A modificación substancial do Plan de utilización dos Espazos Portuarios do porto da Coruña, publicada onte, recolle na definición de áreas e asignación de recursos, en concreto na área 2: Zona de transformación, que a zona correspondente aos edificios administrativos situados na avenida do Porto asígnaselle un uso no portuario vinculado a la interacción puerto ciudad.
Unido a isto hai que sinalar a liberalización portuaria propiciada pola aprobación por parte do Goberno Español do Real Decreto-Lei de 8/2014 de 5 de xullo, de aprobación de medidas urxentes para o crecemento, a competividade e a eficiencia. Xa no seu artigo 56 recóllese textualmente que las infraestructuras en desuso distintas de los faros, situadas dentro del dominio público portuario sujetas a protección siempre que formen parte del patrimonio histórico, se podrá levantar la prohibición de instalaciones hoteleras, así como albergues u hospedajes, siempre que no condicionen o limiten la prestación de los servicios portuarios o el control aduanero.
De modo que, sinalan as nacionalistas, ao quedar esta zona baixo un uso non portuario vencellado á interacción coa cidade, os edificios da avenida do Porto poden ter uso hoteleiro, no caso de seren edificios históricos en desuso, e consecuentemente Autoridade Portuaria pode facer caixa.
A xuízo do BNG, esta modificación dos espazos e usos portuarios, non está pensada nas necesidades da cidade da Coruña, senón nos intereses urbanísticos e económicos da Autoridade Portuaria e das promotoras.