Que pode pasar para que se lle impida ao BNG o acceso á autorización das obras nocturnas da Mariña?
A Coruña, 4 novembro de 2014- O Grupo Municipal do BNG pregúntase que debe haber (ou que non debe haber) para que despois de 18 días, o Goberno do Sr. Negreira non lle permita ver o expediente relativo á autorización municipal para o desenvolvemento das obras da Mariña en horario nocturno, unhas actuacións que provocaron as protestas e o malestar da veciñanza. Ante este atraso, as nacionalistas poñen de manifesto que semella que non debe de existir tal autorización e que o Partido Popular está a demorar o acceso do Bloque ao expediente para lle dar tempo á empresa a obter perceptiva autorización.
O Grupo Municipal do BNG solicitou acceso ao citado expediente o día 17 de outubro e o 27 de outubro, dada a demora na resposta de Alcaldía, o portavoz do BNG, Xosé Manuel Carril, personouse no departamento de Alcadía para ter coñecemento da resposta. Finalmente, o BNG foi informado da autorización da Alcaldía o 30 de outubro e ao día seguinte, o 31, as nacionalistas presentáronse nas dependencias da Concellaría de Medio Ambiente e non se lles permitiu o acceso ao expediente baixo a xustificación de non atoparse alí presente a xefa de Servizo de Medio Ambiente. No día de onte, o Grupo Municipal do BNG púxose en contacto, até en catro ocasións, co Servizo de Medio Ambiente co fin de que se lle permitise acceder o expediente e, outravolta, non foi posíbel, dado que, desta vez, a xefa de Servizo se atopaba reunida. Ante as petición de explicacións por parte do BNG, desde Medio Ambiente comentouse que se porían en contacto co Grupo Municipal en canto a xefa de Servizo ficase libre.
Por fin, na mañá de hoxe, o Grupo Municipal do BNG logrou contactar coa Xefatura de Servizo de Medio Ambiente. Porén, infórmaselles ás nacionalistas que o expediente está directamente en mans do concelleiro Enrique Salvador e que se porá en contacto con este Grupo Municipal, algo insólito á hora de que o BNG poida consultar os expedientes. O edil de Medio Ambiente non contactou coas nacionalistas en ningún momento do día.
En cumprimento da ordenanza municipal de contaminación acústica, a veciñanza debeu ser informada
O Grupo Municipal do BNG rexistrou a solicitude de acceso á autorización a raíz das queixas da veciñanza e para coñecer se se estaba cumprindo a ordenanza municipal de contaminación acústica, que obriga a que lles cheguen aos veciños e veciñas a información da autorizacións municipal que permite o desenvolvemento de obras durante a noite. A día de hoxe, a veciñanza segue sen coñecer a citada autorización nin as posíbeis condicións impostas para o seu desenvolvemento. O Goberno do Sr. Negreira tampouco informou a veciñanza a través do Sistema de Información Ambiental Municipalhttp://www.coruna.es/infoambiental/.