Novo cambio no contrato do Ofimático a petición da promotora

Novo cambio no contrato do Ofimático a petición da promotora

A Coruña, 17 de abril de 2015.- En relación á aprobación na Xunta de Goberno Local da autorización de iniciación do expediente de modificación do contrato para a execución de obras comprendidas no proxecto de urbanización do Sector 10 do Parque Ofimático, o Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que a autorización da segunda modificación do contrato de execución trae causa, principalmente, das modificacións realizadas no Plan Parcial a gusto dos grandes promotores e da Xunta de Galiza.

A este respecto, as nacionalistas lembran que a sentenza de 4 de decembro de 2014 do Xulgado do Contencioso Administrativo número 4 da Coruña anula o contrato de adxudicación das obras de urbanización, que agora se modifican. E sobre isto último repara tanto a enxeñeira municipal de Camiños como o xefe do Departamento de Proxectos e Obras.

No informe emitido en relación coa solicitude da autorización para a redacción do proxecto modificado número dous da obra de urbanización do Sector 10 do Parque Ofimático, tanto a enxeñeira municipal de Camiños como o xefe de Departamento de Proxectos e Obras alertan, precisamente, sobre a necesidade de analizar o impacto da citada sentenza. Neste sentido, afirman literalmente “dado que este informe se realiza desde un punto de vista técnico, se considera imprescindible que se estudie desde el punto de vista jurídico y administrativo, la incidencia de la sentencia referida en el punto A9 de este informe en la tramitación de la solictud de la Dirección de obra y en la resolución del órgano de contratación”.

Neste sentido, o Goberno local debería ter en conta, ademais, que o auto de 6 de abril de 2015 do Xulgado do Contencioso Administrativo número 4 non autoriza expresamente o Concello a realizar estes cambios na execución do polígono. O auto en cuestión o único que fai é non acceder a prohibirlle ao Concello a facer cambios no contrato porque a solicitude formulada neste sentido polos promotores baseábase en informacións xornalísticas. E así o recolle expresamente o auto cando afirma o seguinte “en cuanto a lo solicitado por la ejecutante de que se dirija a requirimiento al Ayuntamiento para que le prohiba hacer cambios en el contrato, atendiendo a unas noticias de prensa, ni siquiera debería ser necesario hacer valoración sobre este extremo, puesto que esta juzgadora solo puede reaccionar ante actos de las partes que, además, sean objeto de incidente”.

Novo cambio no contrato do Ofimático a petición da promotora