O BNG denuncia no Parlamento os problemas de contaminación no porto de Oza

O BNG denuncia no Parlamento os problemas de contaminación no porto de Oza

OA Coruña, 18 de abril de 2015- A instancias do Grupo Municipal do BNG, que ten recibido numerosas queixas por parte da AVV Oza-A Gaiteira-Os Castros, o portavoz parlamentar do BNG, Francisco Jorquera, vén de presentar na Cámara unha batería de iniciativas parlamentares nas que denuncia os problemas ambientais que sofren tanto o porto como a praia de Oza.

Nunha proposición non de lei, o portavoz parlamentar do BNG pide instar a Xunta de Galiza a exercer as súas competencias para que as actividades de reparación e despezamento de barcos no peirao de Oza se realicen con todas as garantías medio ambientais, co fin de evitar riscos para a saúde humana e o medio ambiente. Jorquera advirte nesta proposición non de lei que a reparación e despezamento de barcos no peirao de Oza se realizan “en condicións moi precarias e á marxe da actual lexislación en materia ambiental pola falta de medidas de seguridade e de protección do medio, polos riscos sanitarios que pode levar asociados e pola importante contaminación do litoral que produce”.

O portavoz do Bloque no Parlamento pon de manifesto que en Oza existen varias empresas dedicadas á reparación, limpeza, dotación, pintado, armado e despezamento de barcos. Sinala que o pintado e a reparación son por chorreo, sistema que implica o desprendemento de pinturas e materiais contaminantes que van directamente para o mar. Advirte, ademais, de que o pintado e as reparacións non se realizan de xeito completo mediante unha cobertura de lona.

Pola outra banda, o portavoz parlamentar do BNG denuncia as condicións “máis que precarias” do despezamento de buques. “Os barcos a despezar están atracados na zona, nunhas condicións lamentábeis”, afirma. “Este baleirado, que implica a retirada dos materiais contaminantes (asbestos, hidrocarburos, aceites, chumbo, PVC), faise cunha barreira moi lixeira, acumúlanse en bidóns abertos e sen espazos separados para acumular o extraído”, alerta.

Neste contexto, Jorquera presentou unha batería de preguntas para resposta tanto oral como escrita co fin de saber, entre outras cuestións, se os carros de varada son os axeitados para os despeces, se está permitido despezar buques no peirao pesqueiro nas condicións en que se fai, se as empresas dispoñen de licenza para estas actividades, se existe declaración de impacto ambiental e se a Xunta iniciou algunha inspección ao respecto.

 

O BNG denuncia no Parlamento os problemas de contaminación no porto de Oza