O nivel de exclusión que sofre o galego na Coruña non se dá en ningunha outra cidade
A Coruña, 17 de maio de 2013.- O Grupo Municipal do BNG, que participa hoxe na manifestación nacional convocada por Queremos Galego con motivo do Día das Letras, denuncia que ouso do galego no Concello da Coruña está a desaparecer. De feito, a nosa é a única cidade de Galiza en que o Goberno municipal discrimina e non emprega o galego. Así, as nacionalistas acusan o Partido Popular de incumprir,sistematicamente, a lexislación vixente en materia de lingua.
O Grupo Municipal do BNG advirte de que o retroceso que se deu desde que o PP goberna A Coruña levou a que se eliminara a partida de fomento para a lingua nos orzamentos municipais, aque se suprimira a propia Concellaría de Normalización Lingüística do organigrama do goberno, a que desaparecera a formación en galego ás empregadas municipais, a que se reducira a documentación interna en galego ou a que se empregara toponimia deturpada e ilegal. O uso da nosa lingua no Concello ficou reducido a cuestións irrelevantes e anecdóticas, con estereotipos e tópicos prexudiciais para o galego.
As nacionalistas ven con moita preocupación o que acontece na cidade, dado o nivel de exclusión do galego e de vulneración da legalidade. Advirten de que a situación da Coruña non se dá en ningunha outra cidade de Galiza, goberne quen gobernar. Lamentabelmente, o Goberno do Sr. Negreira actúa como se o galego non for lingua oficial, e isto, malia que en termos cuantitativos, A Coruña é a cidade de Galiza con máis persoas galegofalantes.
É representativo que o último boletín dixital coa axenda da Concellaría de Cultura for redactado só en galego, ao igual que a programación da banda co gallo do 150 aniversario de Cantares Gallegos, acto ao que o Goberno municipal lle chama especial Día de las Letras Gallegas.