O BNG anima a afección a acudir a Riazor coa bandeira da Patria
A Coruña, 18 de maio de 2013.- O BNG e Galiza Nova da comarca da Coruña animan a afección do Dépor a encher Riazor, mañá, de bandeiras da Patria, en repulsa á prohibición da policía a entrar en Zorrilla coas bandeiras galegas. Precisamente, nas horas previas ao partido, Galiza Nova repartirá bandeirolas da Patria contra o celo excesivo por parte das forzas de seguridade do Estado. Entre outras das militantes do BNG que acudirán mañá a Riazor coa bandeira da Patria atoparanse as concelleiras María Xosé Bravo e Avia Veira.
O BNG presentou unha iniciativa no Congreso dos Deputados para coñecer os motivos que levaron a policía a requisar as bandeiras da Patria, totalmente democrática e constitucional, no campo do Valladolid, onde non se permitiu a entrada a afeccionados con simboloxía nacionalista galega e onde a policía chegou a reter algún seareiro do Deportivo. Da acta policial dunha das retencións que tiveron lugar en Zorrilla evidénciase que as forzas de seguridade do Estado tratan os afeccionados que acoden aos estadios con bandeiras da Patria como un problema de seguridade ou de alteración da orde pública.
O BNG critica que se permite o despregue de bandeiras de España nos estadios mentres se prohibe portar bandeiras da Patria. As nacionalistas sinalan que o caso de Valladolid non é puntual, xa que afeccionados do Depor noutros partidos, do Obradoiro e do Celta sufriron acosos semellantes e mesmo ameazas con sancións. Por iso, amosan a súa repulsa máis profunda a este tipo de censuras que leva a prohibirlles o uso de simboloxía totalmente legal e democrática.