A modificación da relación de postos de traballo do Concello xustifica os escoltas do alcalde
A Coruña, 16 de maio de 2013.- Sobre a Relación de Postos de Traballo aprobada no día de onte pola Xunta de Goberno Local, o Grupo Municipal do BNG advirte, en primeiro lugar, de que non se trata dunha nova RPT, senón que é unha modificación puntual que non enfronta a problemática da RPT vixente. As nacionalistas salientan que esta modificación xustifica o labor dos dous escoltas do Sr. Negreira, despois de negar o Goberno municipal, por activa e por pasiva, a súa existencia. Trátase dos denominados policías de prevención oficial (un oficial e un policía), postos que se recollen como de libre designación e en especial dedicación.
Tamén subliñan as nacionalistas as modificacións substanciais na área de Rehabilitación, Vivenda e Urbanismo, onde se está a producir un proceso de externalización. E é que o Goberno municipal reduce postos en Infraestruturas e Urbanismo, ao tempo que lles quita competencias ás persoas profesionais que traballan para esta Concellaría. Á vez, critican, o Goberno do Sr. Negreira contrata asistencias técnicas millonarias para realizar proxectos ou informes. Demóstrase, así, o malgasto dos cartos públicos.
Ademais, o Grupo Municipal do BNG desminte o suposto aforro que o Partido Popular vendeu coa eliminación do parque móbil do Concello, xa que apenas se aforra nos chóferes. Así, esta RPT recolle a creación de oito postos de condutores de mobilidade, que son as persoas que conducían os vehículos oficiais.
Por último, ás nacionalistas chámalles a atención a remodelación que se dá na área de Servizos Sociais. E isto, sen ter en conta os criterios dos propios profesionais e sen resolver boa parte dos postos de Dirección de Centros Cívicos, que se atopan nunha situación irregular.