O BNG cualifica de "inxusta" a política fiscal do Goberno municipal e avoga pola equidade

O BNG cualifica de "inxusta" a política fiscal do Goberno municipal e avoga pola equidade

A Coruña, 28 de outubro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG considera socialmente inxustas as ordenanzas fiscais e de prezos públicos propostas na pasada Xunta de Goberno Local, ao non contemplaren criterios sociais. Así, os nacionalistas critican que toda a cidadanía da Coruña teña que pagar por igual os impostos e as taxas municipais sen ter en conta as diferentes capacidades económicas dos coruñeses e coruñesas. E isto, tendo en conta que o Goberno do Sr. Negreira aumentaralle a presión fiscal á cidadanía nos impostos como o IBI, que pasa ao 0,6% (calculado sobre o valor catastral); a auga (con cambios que prexudican as persoas consumidoras de 1,5 metros cúbicos ou inferior, cunha nova taxa de 12 euros por altas no subministro de auga, co aumento do 1,5% do prezo público do subministro de auga potábel, co encarecemento nun 460% da taxa de depuración e nun 55% a de sumidoiros); en sanidade preventiva de animais domésticos, en servizos como a incineración, entrega de camadas, implantacións de microchip, adopcións, vacinas ou cambio de propietario; nas instalacións deportivas, incremento na cota da piscina de Santo Amaro ou no campo de golf da Torre; nas tarifas polo uso de equipamentos xestionados polo IMCE; ou a nova tarifa para as hortas urbanas.

Os nacionalistas critican a dupla vara de medir do Sr. Negreira ao comparar estes incrementos impositivos, na liña da asfixia social do PP, que farán que a cidadanía perda poder adquisitivo, coa conxelación do IBI no porto da Coruña, que suporá que o Concello deixe de ingresar no 2013 1.096.305 euros. Así, o Grupo Municipal do BNG critica que o Goberno do Sr. Negreira beneficie a Autoridade Portuaria e as súas concesionarias, como Copasa, malia os suculentos beneficios da Autoridade Portuaria no exercicio do 2011, con 17,3 millóns de euros de ganancias.

O BNG propón unha política fiscal municipal socialmente máis xusta

Fronte á política fiscal do Goberno municipal, claramente antisocial, o BNG propón favorecer os colectivos máis afogados pola crise e que se teña en conta a capacidade económica e social cidadanía. Na mesma liña que no pasado ano, cando o PP rexeitou todas as emendas do BNG, renunciando, así, a unha política fiscal municipal máis xusta, os nacionalistas propoñen reducirlle a carga tributaria do IBI e do Imposto sobre o Incremento de Valor dos Terreos de Natureza Urbana ás persoas desempregadas e pensionistas, ás persoas con discapacidade, así como ás familias numerosas (novo concepto de familias numerosas), ás parellas de feito, ás persoas titulares de estabelecementos de pequeno comercio e ás persoas titulares de terreos urbanos que carecen de dotación e servizos de auga e saneamento.

No que respecta ás ordenanzas de prezos públicos, o Grupo Municipal do BNG propón que se teñan en conta as persoas desempregadas e persoas perceptoras de pensións na súa contía mínima, mediante a aplicación de tarifas reducidas e de cotas cero e suprimir o cobro por matrimonios civís realizados no Concello da Coruña.

 

 

O BNG cualifica de "inxusta" a política fiscal do Goberno municipal e avoga pola equidade