Montse Prado: "É posíbel, preciso e urxente dragar os lodos da ría do Burgo"

Montse Prado: "É posíbel, preciso e urxente dragar os lodos da ría do Burgo"

A Coruña, 6 de marzo de 2013.- O Bloque Nacionalista Galego volveu esixir esta mañá a limpeza urxente da ría do Burgo, "é preciso, posíbel e urxente dragar os lodos da ría co fin de recuperar a actividade produtiva e de reactivar, así, a creación de postos de traballo", salientou esta mañá en rolda de prensa a portavoz de Pesca do BNG no Parlamento de Galiza, Montse Prado, á que acompañaron a concelleira nacionalista María Xosé Bravo, o patrón maior da Confraría, Manuel Cao, e o asesor da Confraría, Luís Dopico.

A parlamentar nacionalista denunciou que nin a Xunta de Galiza nin o Estado español están a tomar conciencia da situación deplorábel en que se atopa a ría do Burgo. "En vez de actuar, tanto o Goberno galego como o central miran cara outro lado e din que é algo inevitábel", denunciou. "Desde o BNG negámonos a nos resignar e a dar por boa esta situación e a sermos pasivas e pasivos nun contexto en que só se manteñen 76 mariscadoras a pé e 38 embarcacións de marisqueo a flote para a extracción de ameixa fina, babosa e xapónica, e berberecho cando hai trinta anos mariscaban 2.200 persoas", sinalou. "De seguirmos así, en breve, asistiremos á morte produtiva da ría", engadiu.

Prado puxo de manifesto que a retirada dos lodos da ría "é unha cuestión de vontade política, porque si é posíbel dragar as lamas". Por iso, presentou unha proposición non de lei para o seu debate en Pleno na que lle reclama a Xunta de Galiza a adopción de medidas urxentes para a recuperación produtiva e a xeración de emprego digno na ría do Burgo, unha demanda histórica do BNG. Tamén as nacionalistas presentaron no Congreso unha proposición non de lei para demandarlle ao Goberno central a rexeneración urxente da ría.

O PP renuncia a comprometerse coa limpeza da ría nos orzamentos galegos e nos orzamentos do Estado

A deputada do BNG, que aludiu á chamada de atención á Comisión do Parlamento Europeo sobre o deplorábel estado da ría, criticou que desde que Rajoy é presidente do Goberno non se destinou nin unha soa partida nos orzamentos xerais á rexeneración da ría. Ademais, apuntou que, a iniciativa do BNG, se logrou que o anterior Goberno incluíra unha partida nos orzamentos do Estado destinada á rexeneración da ría, "pero tanto a Xunta como o Goberno central se dedicaron a pasarse a pelota, enredados na lea das responsabilidades mutuas e sen resolver o problema".

Lembrou, tamén, que a Xunta de Galiza rexeitou as emendas presentadas polo BNG aos orzamentos galegos en que reclamaba 3 millóns para o saneamento integral da ría e 1 millón para un plan de recuperación dos bancos marisqueiros.

 

Bravo acusa a Negreira de desprezar o colectivo de mariscadoras

Pola súa banda, a concelleira do BNG, María Xosé Bravo, criticou que o alcalde da Coruña considerara un "paripé" todo o que viñan demandando as nacionalistas e a Plataforma en Defensa da Ría do Burgo e que agora ratificaron os e as eurodeputadas. "Mesmo o conservador francés Philippe Boullant cualificou de escándalo o estado da ría e unha eurodeputada austríaca chegou a dicir que viron obxectos no mar e inmudicia", afirmou.

Neste contexto, volveu reprocharlle ao alcalde o seu desprezo cara a ría do Burgo e que nin sequera acudira á reunión convocada pola Plataforma en Defensa da ría do Burgo. Bravo criticou a "inoperancia" e a "ineficacia" do Goberno municipal no que ten a ver coa ría e lembroulle ao Sr. Negreira que gobernar implica "ter obrigas".

 

Manuel Cao: "Ante a desidia das autoridades, tivemos que dar o primeiro paso desde a Confraría para estudar o dragado de lodos"

A continuación, o patrón maior da Confraría, Manuel Cao, expresou o desexo de que, por fin, o 2013 "sexa o ano da ría do Burgo". Deu a coñecer que, ante a desidia das autoridades, foi a Confraría da Coruña quen deu o primeiro paso para o dragado da ría. Informou de que houbo un primeiro contacto cunha empresa holandesa, referencia no dragado de canles, para que elabore un estudo independente sobre o dragado. "Non imos tragar co que nos boten enriba desde o Goberno central, porque o papel o soporta todo", sinalou, en referencia ao estudo que elaborará o Centro de Estudos e Experimentación de Obras Públicas (CEDEX). Cao salientou que "unha vez teñamos os resultados, farémosllos chegar á comisión de europarlamentares".

Ademais, o patrón maior da Confraría denunciou a falta de interese que teñen pola ría do Burgo o Goberno municipal da Coruña, a Xunta de Galiza e o Goberno central, que rexeitaron participar na reunión convocada o pasado venres pola Plataforma en Defensa da Ría do Burgo. Nesta xuntanza á que se refería Cao non asistiron nin representantes do Goberno municipal da Coruña, nin da Consellaría de Mar, nin da Consellaría de Medio Ambiente nin da Delegación do Goberno, convocadas para falar da situación da ría.

 

Luís Dopico: "O dúo NegraFlores (Negreira e Flores) desprezan a ría do Burgo e os e as mariscadoras"

Por último, o asesor da Confraría, Luís Dopico, amosouse crítico co desleixo do "dúo NegraFlores" (por Carlos Negreira, alcalde da Coruña, e Julio Flores, portavoz do Goberno municipal), polo desprezo á ría do Burgo e ao colectivo de mariscadores e mariscadoras. Ademais, denunciou o problema de seguridade que conleva a cantidade de lodos acumulados na ría, que poñen en risco a vida das persoas.

Montse Prado: "É posíbel, preciso e urxente dragar os lodos da ría do Burgo"