Jorquera repróchalle a Feijóo que non fixera nada polo tren de proximidade

Jorquera repróchalle a Feijóo que non fixera nada polo tren de proximidade

A Coruña, 22 Outubro 2011. O candidato do BNG á Presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, participou esta tarde nun acto reivindicativo sobre o tren de cercanías, montándose no comboio que saía ás 17.30 horas da estación de A Coruña e que chegou ás 18 horas a Betanzos.

Jorquera -que estivo acompañado polo candidato Henrique del Río- explicou no Campo da Feira de Betanzos que “con este acto reivindicativo queremos pór de manifesto as deficiencias e carencias do noso ferrocarril, as insuficiencias de Galiza en materia de infraestruturas ferroviarias, unhas das poucas comunidades que non posúe servizo de cercanías”.

O candidato do BNG afirmou que “apostar polos servizos ferroviarios de proximidade significa apostar por unha forma de transporte público máis ecolóxico e eficiente, que diminúe a dependencia do transporte privado, que reduce o consumo de combustíbel que está actualmente polas nubes e que sortea os enormes atascos de tráfico nos accesos a áreas metropolitanas como a de A Coruña”.

A liberalización de Renfe empeorará as deficiencias de Galiza

En numerosas ocasións, explicou Jorquera, o “BNG levou ao Congreso e ao Senado a necesidade de que o Goberno central traspasase á Xunta as vías que fican en desuso coa entrada en funcionamento do AVE e propiciase a creación dun servizo ferroviario de cercanías na Galiza. Máis continuamos sen este transporte fundamental para aproximarnos ao tren da modernidade”.

“Esta foi unha lexislatura perdida nese sentido, o Señor Feijoó nada fixo nen se interesou siquera por tratar de avanzar na creación dunha rede de cercanías na Galiza”, sinalou Jorquera.

Salientou a precariedade dos servizos ferroviarios entre A Coruña e Ferrol, “con tempos que parecen do tren do lonxano oeste, nada competitivo”. E advertiu que “en lugar de ir a mellor podemos ir a pior coa liberalización e privatización de Renfe, porque pende sobre Galiza a eliminación de servizos ferroviarios como o que estou a mencionar”. Jorquera afirmou a necesidade de “concienciarnos sobre os grandes beneficios que ten ter unha rede ferroviaria de cercanías que vertebre o territorio e sitúe a Galiza ao nivel de Comunidades con moita menos poboación como Asturias ou Murcia que desfrutan desta infraestrutura”.

O candidato nacionalista explicou que o BNG “aposta por incentivar e potenciar o transporte público colectivo. Unha rede de cercanías forma parte desa aposta, con servizos que comuniquen as cidades e Vilas dos distintos itinerarios”. Precisaríamos, engadiu, “unha compañía ferroviaria nosa que se faga cargo dos servizos interiores”.

 

 

Jorquera repróchalle a Feijóo que non fixera nada polo tren de proximidade