O BNG critica o "tufo electoral" da campaña do PP en Punta Langosteira

O BNG critica o "tufo electoral" da campaña do PP en Punta Langosteira

A Coruña, 24 de setembro de 2012.- O portavoz do BNG no Concello da Coruña, Xosé Manuel Carril, critica o "tufo" electoral da campaña desenfreada do PP en Punta Langosteira, cando este equipamento nin sequera conta cun proxecto industrial real. O nacionalista denuncia as "falsas inauguracións" do Sr. Negreira e dos representantes do Goberno central, da Xunta e da Autoridade Portuaria no porto exterior, que aínda non está operativo por non posuír as infraestruturas mínimas necesarias.

"Para que o porto exterior opere con normalidade e conte con impacto laboral e social son fundamentais as conexións viarias e, nomeadamente, as ferroviarias", sinala Carril, quen engade que son indispensábeis as conexións terrestres para que Punta Langosteira capte tráfico de colectores. O nacionalista subliña a importancia da atracción do tráfico de colectores ao porto exterior, xa que o transporte marítimo constitúe o 90 por cento do comercio mundial e máis do 75 por cento do tráfico de mercadorías xerais faise a través destes grandes depósitos.

Neste contexto, Carril empraza o Sr. Negreira e a ministra de Fomento a abandonar "os circos mediáticos" e "os golpes de efecto máis propagandísticos que reais" e a centrarse en garantir un compromiso real coa conexión ferroviaria do porto. Apunta ao respecto que o traslado do clínker a Langosteira requiriu 1.700 traxectos de camión, segundo a propia Autoridade Portuaria, cando esta operación se completaría en só 30 viaxes de ferrocarril se estiver construído o camiño de ferro.

O PP rexeitou incrementar a partida da conexión ferroviaria en 8 millóns, como reclamara o BNG nunha emenda aos orzamentos do Estado

Carril denuncia a marxinación desta infraestrutura nos últimos orzamentos do Estado, en que o Goberno central dotou con só 233.000 euros a conexión ferroviaria en Punta Langosteira, "para un novo estudo informativo do estudado". O nacionalista lembra ao respecto que o PP, co beneplácito do Sr. Feijóo e do Sr. Negreira, rexeitou unha emenda do BNG para incrementar esa ridícula cantidade a 8 millóns de euros.

"O non do PP a incrementar a partida orzamentaria demostra o desleixo da ministra de Fomento, máis preocupada en realizar visitas propagandísticas que en defender os intereses da economía da Coruña e da comarca", engade. Por último, Carril lembra que as conexións terrestres do porto exterior son requirimentos de obrigado cumprimento para que Punta Langosteira siga recibindo axudas de Bruxelas.

 

 

 

O BNG critica o "tufo electoral" da campaña do PP en Punta Langosteira