Interesámonos polas actuacións a desenvolver na praia, costa e contorna de Oza
Esta maña rexistramos unha batería de preguntas (preme aquí para velas) a respecto da situación da praia, costa e contorna de Oza denunciada pola veciñanza a través dun comunicado de prensa este pasado martes 24.
Deste xeito recollemos na nosa iniciativa as actuacións que a entidade veciñal propón de inmediata execución para esta zona.
Segundo as veciñas e veciños de Oza, tal e como concretaban no seu comunicado, as actuacións pasan por unha nova articulación das comunicacións coa praia de Oza co obxecto de facilitar o acceso á mesma a pé ou en bicicleta xa que logo o acceso peonil existente non reúne condicións e incluso crea situacións de perigo e tampouco existe carril bici algún, o axuste do espazo natural a un uso cívico, para potenciar unha serie de actividades náuticas adecuadas: natación, táboa, remo, vela etc, ou por actuacións a respecto da pasarela de acceso que non cumpre os requisitos mínimos para o seu uso para persoas con minusvalía ou mobilidade reducida. Todas estás propostas as asumimos e as apoiaremos xa que son actuacións que redundarían nunha mellora substancial do barrio.
Recollemos as demandas da A.VV. Oza, Gaiteira, Os Castros, que o pasado martes 24 enviou un comunicado de prensa cun relatorio de propostas e pregunta se existe algún Plano de actuación integral para a zona
Para nós as propostas que pon enriba da mesa a veciñanza do barrio de Oza amosa a importancia de ter un tecido asociativo vivo e reivindicativo, que coñece as necesidades do seu barrio e que, co único interese de mellorar a calidade de vida da veciñanza, traslada ás administracións suxestións de actuacións que en moitos casos non son coñecidas e achega a realidade e ao día a día da xente e dos seus problemas.
Tamén recollemos na nosa iniciativa outras propostas que eran descritas pola entidade veciñal como o artellar a estrada paralela ao porto como complemento da avda. do Exercito e como acceso á Praia de Oza, a mellora e o control do aparcamento de vehículos na proximidade da praia, o levar unha liña de bus que a comunique coa cidade, o control continuo e real sobre a calidade das augas da zona, a elaboración dun plan de limpeza continuada dos fondos mariños, para mellorar o traballo da pesca e marisqueo e, finalmente, a elaboración dun plan de saneamento do río Monelos dende seu inicio, facendo cumprir as normas medio ambientais e de vertidos ás empresas, industrias e institucións existentes ao seu carón.
As propostas que pon enriba da mesa a veciñanza do barrio de Oza amosa a importancia de ter un tecido asociativo vivo e reivindicativo, capaz de achegar de primeira man ás administracións a realidade e o día a día da xente e dos seus problemas
Por todo iso, preguntamos se o Goberno municipal ten pensado realizar algún plano de actuación integral para a praia de Oza e a súa contorna e onde se atendan todas estas actuacións presentadas pola A.VV. Oza, Gaiteira, Os Castros e se o ten, se consultou nalgún momento e o mesmo coa propia entidade.
Neste sentido tamén inquerimos se se vai traballar conxuntamente coa veciñanza do barrio para a mellora da praia, costa e contorna de Oza e cantas e cales de todas estas actuacións propostas pola entidade veciñal tería pensado realizar ou incluír nese plano integral, solicitando que se especifique esas actuacións e se vai a consensualo cos demais grupos políticos.
Por último, queremos manifestaro noso apoio público á recollida de sinaturas que a entidade veciñal realizará co obxecto de que estas demandas sexan atendidas, e anima á veciñanza de toda a cidade a asinar esta solicitude xa que logo a praia, costa e contorna de Oza é un ben a conservar e patrimonio de toda a veciñanza da nosa cidade.
A Coruña, 26 de maio de 2016