Tras case sete meses temos uns orzamentos a medida do PP e do PSOE

Tras case sete meses temos uns orzamentos a medida do PP e do PSOE

A Coruña, 20 de maio de 2016.- O Grupo Municipal do BNG entende que, coa aprobación definitiva dos orzamentos, tras o acordo chegado entre o Goberno municipal e os grupos municipais do PP e o PSOE, ao Executivo local faltoulle rigor político á hora de sacar adiante unha proposta de orzamentos que fixera un cambio real a respecto do mandato anterior.

Avia Veira: “Os orzamentos que imos ter son uns orzamentos a medida do PP e do PSOE que non van servir para levar adiante as políticas de cambio que esta cidade e a veciñanza precisan. Estes orzamentos demostran que neste primeiro ano de mandato non hai vontade real de cambio en termos de políticas para as maiorías sociais e os barrios”

Momento no que a nosa concelleira Avia Veira abandonaba o Pleno dos orzamentos

É e que as nacionalistas lembran que tras á Xunta de Goberno do 18 de marzo se aprobou a proposición inicial de orzamentos, na que ían incluídas varias das propostas achegadas durante o proceso de negociación polo Bloque, e que se centraban en novidades encamiñadas a promover unha economía que dinamizara o comercio, os mercados e a actividade cooperativa ou devolverlle a cidade o investimento en cultura. Mais o acordo ao que se chegou onte na Comisión de Facenda é dar como bo o acontecido no Pleno do 1 de abril, e, polo tanto, amosa que o Goberno municipal renuncia a facer un cambio real de políticas na cidade.

Neste sentido, para as nacionalistas resulta moi chamativo que a maior parta das alegacións que se estiman son precisamente de quen votou a favor na aprobación inicial aos orzamentos, e que resulta, canto menos contraditorio, votar a favor nun primeiro momento para logo modificar algo co que orixinariamente se estaba de acordo.

O Bloque destaca que é contraditorio que se estimen a maioría das alegacións presentadas precisamente por quen votou a favor inicialmente dos orzamentos

“Non é moi xustificábel que, en primeiro lugar, quen vota a favor da aprobación inicial, e polo tanto estea de acordo tanto co proxecto de orzamentos resultante a Pleno que integraba as  emendas que modificaban a proposta orixinaria, logo, no período de presentación de alegacións, presente emendas. A trapallada do Pleno tivo continuidade neste último mes, co obxecto de facer un encaixe case imposíbel, e sempre condicionado polas emendas do PP e do PSOE, aceptadas pola Marea ao votar a favor do orzamento. A consecuencia final dá lugar a diluír a proposta orixinaria aprobada naquela Xunta de Goberno e, por tanto, ao noso xuízo, pérdese unha oportunidade de mudar as políticas dos últimos anos na cidade”, sinalan as nacionalistas.

O Grupo Municipal do BNG considera que, ao non se estimar as actuacións concretas nos barrios, se desaproveitou unha ocasión única para realizar un cambio real nas políticas de investimento na cidade que repercuten directamente na veciñanza

Cartel editado polo BNG onde expoñíanse as propostas aos Orzamentos

O BNG lembra que nas súas alegacións se insistía en pedir concreción para as actuacións nos barrios, e que as emendas contiñan propostas para que se concretaran actuacións tanto na Área de Vías Públicas, coa descrición do gasto Obras de urbanización vías públicas. Actuacións de modernización de prazas e vías públicas. Proxectos, como para a Área de Sumidoiros, coa descrición de gasto Actuacións para a modernización e a mellora na rede de saneamento. Proxectos, e para as áreas xenéricas nas aplicacións que se corresponderan, e relativas á modernización e dignificación dos barrios.

“Desde un primeiro momento achegamos ao Goberno municipal, de xeito pormenorizado e co contraste oportuno co tecido asociativo e a veciñanza, máis de 90 actuacións concretas nos distintos barrios da cidade, que ían desde o acondicionamento de beirarrúas, á instalación de iluminación, ou a reparación e o mantemento de distintas infraestruturas, a actuacións moito máis detalladas como a pavimentación e acondicionamento da Praza (do mercado) de Monte Alto, a execución da segunda fase do corredor entre as rúas Ribeira Sacra e Fragas do Eume no barrio de Novo Mesoiro ou habilitación e mellora da accesibilidade no acceso ao centro de saúde do barrio dos Castros, entre outras. E solicitamos que esa concreción se vira reflectida nos orzamentos. E finalmente non se estimou a nosa alegación, polo que consideramos  que se está desaproveitando unha ocasión única para realizar un cambio real nas políticas de investimento na cidade que repercuten directamente na veciñanza e nos barrios. Isto lamentámolo profundamente” sinala Avia Veira.

Por último, o BNG tamén lamenta que non se atenda ás súa demandas de destinar até 245.100 euros co obxecto de aumentar a aplicación destinada ao Plan de Dinamización Comercial, coa seguinte finalidade específica de Creación e desenvolvemento dun Banco de Locais Comerciais, iniciativa que fundamentaban na necesidade de garantir de xeito efectivo nos orzamentos axudas ao pequeno e mediano comercio e ao emprendemento, ou a solicitude de recuperación de 20.000 euros para a aplicación denominada Bolsa Programa Descubrir a Participación, partida que estaba incluída inicialmente mais as emendas e a aprobación inicial dos orzamentos.

O BNG sinala que estes orzamentos deben ser os últimos que se realizan deste xeito, tanto por quen os elaborou, como polo tempo perdido durante case sete meses e esixe que o Goberno municipal comece a elaborar un plano de traballo para realizar uns verdadeiros orzamentos participativos para o 2017

Momentos previos ao comezo da sesión do Pleno dos orzmentos

“Desde que se empezou a elaborar unha proposta de orzamentos amosamos a nosa disposición a que houbese un cambio de rumbo a respecto dos últimos anos. A proposta final non nos convence, nin como é o resultado final nin como foi o proceder desde o seu comezo. Intentamos por todos os medios ser construtivos e facer o máximo de achegas posíbeis. Cremos que non se tivo en conta o noso traballo. Pero sobre todo queremos subliñar que para o BNG estes orzamentos deben ser os últimos que se realizan deste xeito, tanto por quen os elaborarou, como polo tempo perdido durante case sete meses, polo que xa demandamos de xeito inmediato, que o Goberno municipal comece a elaborar un plano de traballo que recolla as consultas necesarias na veciñanza e no tecido asociativo da cidade para realizar uns verdadeiros orzamentos participativos para o 2017”, conclúen as nacionalistas.

 

Noticias relacionadas:

Tras case sete meses temos uns orzamentos a medida do PP e do PSOE