A instancias do BNG, o Parlamento aproba por unanimidade facilitar as expropiacións para ascensores
A Coruña, 5 de marzo de 2015- A Comisión de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos do Parlamento aprobou esta mañá por unanimidade dos grupos a proposición non de lei do BNG encamiñada a facilitar as expropiacións para a instalación de ascensores en vivendas. Así, a instancias do portavoz parlamentar do Bloque, Francisco Jorquera, o Parlamento aprobou instar a Xunta de Galiza a promover os cambios legais necesarios para facilitar a realización das obras necesarias para garantir a accesibilidade nos edificios de vivendas e, en particular, a instalación de ascensores.
Na súa intervención, Jorquera advertiu de que facilitar as expropiacións non é un tema menor para A Coruña, unha cidade cun modelo de urbanismo especulativo fixo que nos anos 50 e 60 se construiran barrios enteiros con edificios de cinco, ou incluso máis andares, carentes de ascensor. Insistiu no caso da Agra do Orzán, un barrio de máis de 30.000 habitantes onde practicamente todos os edificios carecen de elevador.
O portavoz parlamentar do BNG expuxo que a veciñanza da Agra ten enormes dificultades para instalar ascensores en caso de ausencia de acordo cos propietarios dos baixos desocupados na imensa maioría- dado que o Concello da Coruña ten suspendida a tramitación das solicitudes de expropiación. Jorquera apuntou que o Goberno do Sr. Negreira emprega como escusa a Lei estatal 8/2013, de 26 de xuño, de rehabilitación, rexeneración e renovación urbanas, da que fai unha interpretación inexacta.
Precisamente, o portavoz do BNG no Parlamento reuniuse recentemente coa directiva da AVV da Agra do Orzán e con veciños e veciñas do barrio para lles presentar unha batería de iniciativas co fin de promover a expropiación para a instalación dos ascensores nas vivendas. A mobilidade, salientou Jorquera, é un dereito que implica a real posibilidade dunha persoa de ingresar, transitar ou permanecer nun lugar de xeito seguro, confortábel e autónomo, circunstancia que non se produce na meirande parte dos edificios da Agra, nos que moran persoas de avanzada idade ou con problemas de mobilidade.
Amais da proposición de lei aprobada por unanimidade, o BNG tamén presentou no Parlamento preguntas para a resposta oral e escrita co fin de saber se a Xunta é coñecedora das dificultades que existen na Coruña para poder instalar ascensores e da decisión do Goberno do Sr. Negreira de suspender a tramitación das solicitudes de expropiación forzosa. Nas preguntas, Jorquera tamén pregunta se a Xunta está de acordo en que a solución pasa pola modificación da Lei da Vivenda, se se dirixiu o Goberno local á Xunta para solicitarlle esa modificación, se vai promover a Xunta os cambios legais precisos para facilitar a instalación de ascensores e se vai contemplar, neste sentido, unha modificación da Lei de Vivenda.