#8M: Performance reivindicativa do BNG polo Día da Muller
A Coruña, 5 de marzo de 2015- A Comisión de Acción Feminista do BNG da Coruña convoca unha performance reivindicativa baixo o lema A forza do feminismo para conmemorar o 8 de marzo, Día da Muller. O acto, que terá lugar este venres, ás 20h, diante do Teatro Rosalía, consistirá nunha representación de escenas que sofren acotío as mulleres: desemprego, precarización, fenda salarial, migración, dupla xornada laboral, discriminación... Desta maneira, as nacionalistas aspiran a derrubar barreiras e a destruír os muros da opresión, coa ilusión de que é posíbel construír pontes.
A responsábel de Acción Feminista do BNG da Coruña, Vitoria Louro, pon de manifesto que con este acto as nacionalistas pretenden espertar conciencias para conquirir a igualdade en todos os eidos da vida malia os obstáculos que pon o Partido Popular para o impedir. Non queremos esmola nin buscamos proxectos irrealizábeis, só queremos reivindicar a nosa visibilidade, a nosa presenza e o noso papel protagonista en todos os eidos da vida, para sumar nunha sociedade que rache coa desigualdade e remate coas inxustizas, sinala Louro.
O BNG condena os dous ataques machistas que tiveron lugar no día de onte
Pola outra banda, a comisión de Acción Feminista do BNG condena e manifesta publicamente os ataques machistas que tiveron lugar no día de onte na cidade da Coruña. As nacionalistas chaman a veciñanza a denunciar toda violencia machista, o maior síntoma de desigualdade entre homes e mulleres e insisten en reclamar que a loita contra a violencia machista sexa considerada un asunto prioritario nas axendas políticas. O BNG reivindica adoptar de inmediato medidas para eliminar a discriminación contra as mulleres e medios axeitados para combater a violencia de xénero.