O orzamento de bolsas comedor caeu perto do 20% neste 2015
A Coruña, 5 de marzo de 2015- Despois de consultar o expediente relativo ás bolsas comedor, cuxo programa e bases reguladoras foron aprobada na Xunta de Goberno Local de hoxe, o Grupo Municipal do BNG acusa o Goberno do Sr. Negreira de ser tramposo e de enganar a veciñanza ao asegurar que incrementará un 21% o orzamento de bolsas comedor para o próximo curso. O único certo, advirten as nacionalistas, é que o Goberno local recortou un 20% o orzamento de bolsas comedor no orzamento municipal vixente. Así, denuncian que mentres o orzamento de 2014 recollía para as bolsas comedor do último trimestre do ano 265.000 euros, o orzamento de 2015 recolle para as bolsas comedor do último trimestre do ano 216.000 euros, isto é, 49.000 euros menos.
O Grupo Municipal do BNG critica que o Goberno do Sr. Negreira venda fume cando anuncia o aumento o orzamento das bolsas comedor para o ano que vén. E é que o aumento ou non da partida das bolsas comedor depende dun orzamento que está por elaborar, o de 2016, e que será responsabilidade do novo goberno. De feito, a propia documentación aprobada en Xunta de Goberno condiciona a cantidade ao orzamento de 2016 cando di que subordina a autorización e o compromiso de gasto de 504.000 euros correspondente aos meses de decembro a xuño a que exista crédito nos orzamentos municipais de 2016.
O BNG acusa o PP de beneficiar o ensino privado
Por último, en relación ao incremento do número de bolsas, as nacionalistas volven denunciar que este aumento responde á decisión do Goberno local de ampliar as bolsas comedor a dúas etapas non obrigatorias: Bacharelato e FP para beneficiar centros privados (xa que os IES non dispoñen de servizo de comedor).