Inseguridade xurídica: A ordenanza de terrazas incorre en indefinicións e moita flexibilidade
A Coruña, 25 de febreiro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG denuncia as indefinicións e flexibilidade da ordenanza municipal reguladora da instalación de terrazas. Isto pode dar lugar a arbitrariedades que contradirían o obxectivo deste tipo de normativas, que non é outro que conciliar o desenvolvemento da actividade económica co dereito de toda a veciñanza ao goce e tránsito da vía pública, así como o dereito ao lecer co dereito ao descanso. As nacionalistas advirten de que esta ordenanza, que apela á flexibilidade, deixa moitos asuntos sen resolver en futuras decisións, estudos e ordenacións singulares.
O Grupo Municipal do BNG salienta que, a diferenza da normativa vixente, as terrazas poderán autorizarse nos estabelecementos encadrados no grupo 2 (incluídos os pub), mais, excepcionalmente, tamén se poden conceder aos encadrado no grupo 3 (café cantante, café-concerto, karaoke, boleiras, billares, salón de xogos recreativos) e 4 (discotecas, salas de festa, tablaos flamencos, music-hall, cinemas e bingos), sempre e cando estes locais se localicen en lugares sen edificacións de uso residencial e sanitario.
As nacionalistas sinalan que a normativa nada di acerca do horario das terrazas dos pub, que se someten á norma xeral, aínda que esta apunta que para todo tipo de estabelecementos se poderá reducir o horario xeral atendendo a circunstancias de índole sociolóxica, medioambiental e urbanística que puidesen concorrer en cada caso, ou cando se comprobe a transmisión de ruídos que lles orixine molestias á veciñanza e cando o local se sitúe en ámbitos declarados ZAS (Zona Acusticamente Saturada).
Chama a atención, subliña o Grupo Municipal do BNG, que o horario de funcionamento da terraza poida cadrar co da licenza de actividade cando o local se sitúe en lugares sen edificacións de uso residencial e sanitario.