Preguntas orais: ría do Burgo, desafiuzamentos e denuncias @s veciñ@s de Monte Alto e Durmideiras
A Coruña, 25 de febreiro de 2013.- Os desafiuzamentos, o estado calamitoso da ría do Burgo e as denuncias aos veciños e veciñas de Durmideiras protagonizan as preguntas orais que formulará en Pleno o Grupo Municipal do BNG. Así, as nacionalistas preguntaranlle ao Goberno do Sr. Negreira se ten previsto crear unha Comisión municipal de desafiuzamentos en que estean incluídos os movementos sociais, como a plataforma Stop Desahucios ou Arquitectos sen Fronteiras. Precisamente, a constitución dunha comisión especial era unha das propostas que recollía a moción contra os desafiuzamentos presentada polo BNG na sesión plenaria de decembro. As nacionalistas reclamaran entón, entre outras moitas medidas, unha comisión especial para atender casos de desafiuzamentos, composta por técnicos municipais, portavoces municipais e plataformas contra os desafiuzamentos. Esta comisión estudaría a posibilidade de axudas ao aluguer e de axudas para evitar o corte de subministros básicos como auga, gas ou luz e axudas á alimentación.
Ademais, o Grupo Municipal do BNG interésase polos motivos que levaron o alcalde a considerar un teatrillo e un paripé a visita dos e das europarlamentares á ría do Burgo. As nacionalistas sinalan que a recente visita dunha delegación de europarlamentares á ría do Burgo puxo en evidencia unha realidade reiteradamente denunciada polo BNG e o sector marisqueiro: o terríbel proceso de degradación da ría e a histórica falta de vontade do Goberno español e da Xunta de Galiza para resolveren este problema. O Grupo Municipal do BNG quere saber se o alcalde pensa facer algo para que o Goberno de Feijóo adopte medidas urxentes para a recuperación produtiva e para a xeración de emprego digno na ría do Burgo.
Pola outra banda, as nacionalistas interésanse polos motivos que levaron o Goberno do Sr. Negreira a denunciar membros da Comisión de Afectados e Afectadas de Durmideiras (citados nos Xulgados para maio). Segundo aseguraron os e as veciñas, simplemente amosaron uns cartaces contra a especulación urbanística en Durmideiras no transcurso da sesión plenaria de 6 de agosto de 2012, en que se debatía o Plan Xeral. O Grupo Municipal do BNG reclamaralle ao Goberno do Sr. Negreira que retire a denuncia presentada contra este grupo de sete persoas, entre as que se atopan membros da A VV As Atochas-Monte Alto-Torre de Hércules, entidade veciñal que está a sufrir o acoso do Partido Popular.