O BNG pregúntalle ao Goberno se está a dar pasos para crear un sistema aeroportuario galego

O BNG pregúntalle ao Goberno se está a dar pasos para crear un sistema aeroportuario galego

A Coruña, 24 de febreiro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG rexistrou unha batería de preguntas para a resposta escrita en que se interesa polo afundimento de Alvedro. “A situación do aeroporto non pode ir a peor: no 2012, perdeu o 16,5% de persoas viaxeiras, as operacións descenderon case un 16% e o tráfico de mercadorías caeu un 22%”, sinala a concelleira María Xosé Bravo na iniciativa. “Ademais, Turkish Airlines e Air Europa renunciaron a voar desde Alvedro malia telo anunciado o Goberno municipal en varias ocasións”, engade. Tamén pon de manifesto que a marcha de Easyjet e a quebra de Spanair provocaron que hoxe en día se dea unha caste de monopolio de Iberia, empresa que vén de presentar un ERE. Esta situación, sinala Bravo, deriva en tarifas abusivas que fan que voar desde A Coruña sexa até 66% máis caro que voar desde Santiago e desde Vigo.

Neste contexto, a concelleira do BNG pregunta polas medidas que ten previsto realizar o Goberno municipal ante a caída do número de persoas usuarias e de operacións e que xestións está a desenvolver para atraer novas compañías. Tamén pregunta se ten vai dialogar coa Xunta de cara a crear un sistema aeroportuario galego, como vén reclamando o BNG, e se vai instar a Xunta de Galiza a reclamar as competencias en materia aeroportuaria.

Na mesma liña, a concelleira do BNG, que defende a optimización de recursos dos tres aeroportos, regunta se o Goberno municipal está a favor de acabar co modelo unipolar e centralista do sistema aeroportuario español, que mantén o noso país na periferia e que impide a viabilidade de Alvedro.

E é que para o BNG, que chaman o alcalde e a concelleira de Turismo a espelir, a solución pasa pola constitución dun sistema aerportuario galego en clave de colaboración, colaboración e equidade.

O BNG pídelle ao Goberno municipal prudencia e responsabilidade á hora de anunciar a chegada de aeroliñas a Alvedro

Capítulo aparte merecen os anuncios do Goberno municipal sobre a chegada frustrada de Turkish Airlines, que finalmente optou por voar desde Lavacolla, e de Air Europa. Bravo pregunta as razóns que levaron o Sr. Negreira a dar por feito a operación de novas compañías en Alvedro cando as aeroliñas acabaron renunciando a voar desde A Coruña e pregúntalle se non lle parece irresponsábel anunciar mesmo as datas e o número de frecuencias destes voos cando a chegada das compañías non estaba garantida, tal e como se demostrou.

A concelleira do BNG lamenta que o propio alcalde da Coruña enganara a cidadanía cando confirmou, no mes de novembro, a conexión de Air Europa a partir de finais de marzo e lamenta tamén que o fixera aínda sabendo que a aeroliña sempre negou que a ruta estivera asegurada. O atrevemento do Sr. Negreira foi tal que mesmo chegou a informar sobre o número de frecuencias. De aí que lle esixa prudencia e responsabilidade.

 

 

O BNG pregúntalle ao Goberno se está a dar pasos para crear un sistema aeroportuario galego