O Goberno municipal vese na obriga de rectificar outra das chapuzas no Parrote

O Goberno municipal vese na obriga de rectificar outra das chapuzas no Parrote

A Coruña, 2 de novembro de 2012.- Malia desestimar o recurso de reposición interposto polo BNG contra os acordos da XGL de 28.09.12 de concesión de licenzas (de outorgamento de licenzas de actividade e urbanística para a implantación e construción dun aparcadoiro soterrado cos seus accesos, edificio comercial terciario e urbanización do ámbito do Peirao desta cidade) presentado o 8.10.2012 (achégase copia do recurso), o Goberno Municipal vese na obriga de rectificar os prazos sinalados para a execución das obras corrixindo outras das súas chapuzas xurídicas tal como denunciara o BNG. E o Goberno municipal fixa os prazos de finalización da sobras en 36 meses (o prazo máximo que prevé a lei), co cal as obras do Parrote poderán demorarse até finais do 2015! O BNG lembra ao respecto que o Goberno municipal, co Sr. Negreira á cabeza, tiñan repetido insistentemente que as obras estarían finalizadas no 2013.

Si se lembra, no acordo da XGL de 28/09/2012, o Goberno local aprobaba a concesión das licenzas sen marcar os prazos legalmente esixidos na execución do edificio comercial (nin de comezo, nin de finalización) e mesmo estipulando prazos erróneos para a realización das obras do Parrote (6 meses).

No recurso presentado polo BNG, ademais de denunciar infraccións do planeamento urbanístico, indicaba que había unha infracción da Lei 9/2002 LOUG na medida en que a licenza outorgada para o aparcamento soterrado fixaba o prazo para a finalización das obras en seis meses , o cal era erróneo. O Goberno Municipal vese na obriga de recuar sinalando que hai que “rectificar los plazos señalados el de 36 meses para su finalización, incluídas las obras de urbanización”.

E o Goberno municipal fixa agora un prazo de finalización das obras en 36 meses (3 anos), o prazo máximo que estabelece a normativa legal (art. 195 Lei 9/2002, LOUG), co cal as obras poderán demorarse até finais do 2015, excedendo con moito o prazo que sempre anunciou o Sr. Negreira, que era de finais do 2013. Para o BNG a razón de tal prazo de 36 meses non é outro que ampliar o prazo para o financiamento público das obras, toda vez que a data de hoxe o goberno municipal carece de máis achega da Xunta que os 20.000 e que figuran nos Orzamentos deste ano 2012, e sen que nos Orzamentos do Estado para o 2013 figure nin un só euro para esta actuación.

 

 

O Goberno municipal vese na obriga de rectificar outra das chapuzas no Parrote