O BNG reclama uns impostos municipais máis xustos e a defensa do interese da cidadanía coas antenas

O BNG reclama uns impostos municipais máis xustos e a defensa do interese da cidadanía coas antenas

A Coruña, 4 de novembro de 2012.- Ademais da moción contra a violencia de xénero, o Grupo Municipal do BNG levará ao Pleno de mañá unha moción para lograr unha política fiscal socialmente máis xusta e outra para salvagardar os intereses da cidadanía no caso das antenas de telefonía móbil.

Na moción sobre política fiscal municipal, os nacionalistas instan o Pleno da Corporación a asumir como un dos principios básicos da política de impostos atender aquelas situacións económica-sociais das persoas contribuíntes, nomeadamente, do colectivo de persoas desempregadas e das preceptoras de pensións da Seguridade Social na contía mínima, así como das persoas físicas titulares de actividades dedicadas ao pequeno e mediano comercio que atravesen dificultades aos efectos de redución da carga tributaria, mediante a modificación das ordenanza fiscal correspondente.

O Grupo Municipal do BNG sinala que, legalmente, nada impide que o Concello, ao abeiro da lei 9/2007, de 13 de xuño, poida compensar economicamente o pago de impostos cando concorran circunstancias económicas e sociais que dificulten o abono destes impostos. Lembran os nacionalistas a suba dos tributos e taxas relacionados co IBI, coa auga, cos servizos relacionados con animais, co uso de instalacións deportivas e culturais e mesmo a creación dun novo imposto sobre as hortas urbanas, que noutros concellos, como o de Santiago, teñen un uso balde.

O BNG pide que as antenas se sitúen onde menos impacto causen

Sobre as antenas de telefonía, o Grupo Municipal do BNG pon de manifesto o incremento e aceleración no proceso de concesión de licenzas para a instalación de infraestruturas de telefonía, á vez que aumenta a preocupación da cidadanía sobre as antenas. Nesta liña, advirte o BNG de que raro é o expediente que non contén ducias de alegacións. Tamén expoñen os nacionalistas que logo da sentenza da Sala do Contencioso Administrativo do TSXG, que anulaba os artigos 25 e 26 da ordenanza municipal, existen sentenzas do Tribunal Supremo e do Constitucional que avalan as demandas do Grupo Municipal do BNG.

Neste contexto, os nacionalistas reclaman na moción que o Concello clausure as antenas implantadas ilegalmente (as non amparadas por licenza), que suspenda a tramitación e outorgamento de novas licenzas até a aprobación dunha nova ordenanza, que modifique a ordenanza municipal reguladora das infraestruturas de telecomunicacións para recoller as competencias municipais na defensa dos intereses da veciñanza e para garantir, así, a salvagarda dos espazos sensíbeis e para garantir que se sitúen en lugares onde causen un menor impacto, cumprindo, ademais, os plans de implantación. E, por último, reclaman que o Concello revise e actualice os plans de implantación das operadoras xa aprobados.

 

 

 

O BNG reclama uns impostos municipais máis xustos e a defensa do interese da cidadanía coas antenas