O BNG levará a Pleno o malgasto de 137.500 euros na cabalgata e en facer de María Pita unha Laponia
A Coruña, 2 de novembro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG levará ao Pleno do vindeiro luns, a través das preguntas orais, o dispendio do Goberno do Sr. Negreira na cabalgata de reis e en converter a praza de María Pita nun poboado de Nadal, o que lle custará aos e ás coruñesas 137.479 euros. Así, os nacionalistas cuestionarán o Goberno municipal como avalía o gasto que ten previsto facer o IMCE para o Nadal, logo de que o Grupo Municipal do BNG denunciara que a cabalgata de reis custará dúas veces máis que en anos anteriores.
Mentres que no 2009, no 2010 e no 2011 o importe de licitación da cabalgata foi de 35.000 euros, coa chegada do PP ao Goberno de María Pita duplicouse, practicamente, o importe de licitación, até os 63.000 euros o pasado ano e no presente exercicio até os 65.000 euros para sete carrozas. Ademais, tal e como criticaran, no seu día, os nacionalistas, o Goberno municipal gastará 72.479 euros en instalar un "poboado de Papa Noel... un paisaje navideño con aspecto de Laponia", na praza de María Pita.
O Grupo Municipal do BNG considera unha obscenidade gastar 65.000 euros nunha cabalgata de reis, o duplo do que gastaba o anterior goberno, e 72.479 euros en adornar a praza de María Pita tendo en conta a dramática situación económica que vive a maior parte da cidadanía da Coruña, onde, hoxe en día, hai xa mais de 22.500 persoas en situación de desemprego e onde hai unha taxa de risco de pobreza que roza o 20%. Os nacionalistas ven incongruente que o Goberno municipal afogue a cidadanía con máis impostos, roubándolle, unha vez máis, a carteira coa suba do IBI e da auga, mentres gasta 137.500 euros en adornos de Nadal.
Orzamentos do Estado e inicio de curso escolar
Ademais, o Grupo Municipal do BNG preguntaralle ao Goberno do Sr. Negreira como avalía o inicio do curso escolar e sobre a valoración que fai dos orzamentos xerais do Estado no que respecta á ría do Burgo e mais ás conexións ferroviarias.