O Goberno municipal permitirá terrazas con cerramento estábel, como as de María Pita
A Coruña, 30 de abril de 2013.- Entre as alegacións presentadas polo Grupo Municipal do BNG á ordenanza municipal que regula as terrazas, alegacións que foron rexeitadas polo Goberno municipal, atópase a eliminación das terrazas con cerramento estábel, como as da praza de María Pita. E é que a ordenanza, tal e como explica a concelleira Ermitas Valencia, non só acubilla as terrazas cubertas de María Pita até o 2022, senón que vai permitir a instalación deste tipo de estruturas en prazas e rúas peonís. Así se advirte no artigo 17.1 da ordenanza, na que se di, este tipo de instalación poderá autorizarse, previa valoración técnica do proxecto presentado polos interesados, segundo as condicións específicas que se indiquen en cada suposto polos servizos técnicos municipais e ás que se sinalan na presidente ordenanza. Estas instalacións, polo seu carácter provisional, deberán ser facilmente desmontábeis e deberán procurarse solucións homoxéneas.
Valencia sinala que na zona PEPRI se atopan un importante número de prazas e rúas peonís e lembra que o plan especial da Cidade Vella e da Pescadaría, inicialmente aprobado, veta este tipo de terrazas. De feito, o art. 153 recolle que no caso particular da utilización do espazo público como terrazas de estabelecementos hosteleiros ou comerciais, e con obxecto de preservar a unidade de tratamento do espazo público, non se autoriza o uso de tarimas, a utilización de mamparas laterais ou calquera tipo de elementos de peche, amolloamento ou delimitación do espazo a non ser que estean expresamente autorizadas polo Concello dentro das normalizadas para tal fin.
Malia a incongruencia do recollido na ordenanza e do recollido no PEPRI, o Partido Popular desbotou a alegación na que o BNG reclamaba eliminar as terrazas con cerramento estábel.
O BNG non se axusta ao que recolle a normativa vixente en materia de accesibilidade e non discriminación para o acceso e a utilización dos espazos públicos
Pola outra banda, a concelleira do BNG pon de manifesto que a ordenanza non se axusta ao que recolle a normativa vixente en materia de accesibilidade e non discriminación para o acceso e a utilización dos espazos públicos, malia que o Goberno municipal presume disto na exposición de motivos da ordenanza. Así, dise que foi elaborada tendo en conta o disposto na normativa reguladora da accesibilidade, a Orde Ministerial VIV/561/2010, de 1 de febreiro. Porén, a ordenanza non se axusta ao que a orde ministerial sinala como criterio xeral. Así, Ermitas Valencia advirte de que a ordenanza avoga pola excepción cando alude á medida mínima do itinerario peonil libre na ocupación das terrazas en beirarrúas.
Tampouco se axusta, engade a concelleira nacionalista, cando dá a dupla posibilidade de colocar terrazas arredadas da fachada ou adosadas, entrementres a orde indica que os itinerarios peonís accesíbeis discorrerán de xeito colindante ou adxacente á liña de fachada.
Precisamente, o Grupo Municipal do BNG presentou unha alegación para esclarecer as contradicións que recolle a ordenanza en materia de accesibilidade, que tamén foi desestimada polo Goberno do Sr. Negreira.