Nova chapuzada do PP no Ofimático: o BOP non publica o contido do estudo de detalle
A Coruña, 30 de abril de 2013.- O Grupo Municipal do BNG vén de enviar un escrito dirixido á Alcaldía en que lle advirte de que o acordo de aprobación definitiva do estudo de detalle de reaxuste de rasantes dos viarios no Ofimático, publicado onte no Boletín Oficial da Provincia (BOP), non contempla o contido normativo deste estudo de detalle.
Neste escrito, o portavoz do BNG no Concello da Coruña, Xosé Manuel Carril, sinala que a normativa urbanística vixente condiciona a eficacia xurídica e a entrada en vigor dos instrumentos de planeamento á publicación do contido normativo no BOP, o que non aconteceu no caso do estudo de detalle do Ofimático. Lembra Carril que a obriga de publicación do contido normativo dos instrumentos de planeamento tamén afecta aos estudos de detalle, con independencia da súa finalidade (quer ordenación de volumes, quer reaxustes de rasantes...).
Así, o nacionalista, que lle achega xurisprudencia ao alcalde ao respecto, salienta que a non publicación do contido normativo do estudo de detalle no BOP non serve de soporte para outorgar licenzas, entre outros actos de aplicación. Para resolver esta nova chapuza urbanística do Partido Popular, o Grupo Municipal do BNG solicítalle ao alcalde que se publique integramente o contido normativo do estudo de detalle de reaxuste de rasantes dos viarios no Ofimático. Só así, advirte Carril, o estudo de detalle poderá ter eficacia xurídica.