Valencia advirte de que a ordenanza de terrazas será unha normativa "á carta" dos amigos
A Coruña, 1 de maio de 2013.- O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que a ordenanza municipal reguladora das terrazas está ateigada de indefinicións, flexibilidade e excepcións que poden dar lugar a arbitrariedades que contradirían o obxecto da propia normativa; é dicir, conciliar o desenvolvemento da actividade económica co dereito de toda a veciñanza ao goce e tránsito da vida pública, así como o dereito ao lecer e ao descanso. A concelleira nacionalista, Ermitas Valencia, advirte de que as indefinicións, flexibilidade e excepcións que recolle o texto pode dar lugar a unha inseguridade xurídica.
Ademais, a concelleira do BNG pregúntase polos intereses que oculta o Goberno municipal para manter unha normativa con tanta ambigüidade e excepcións. Sinala, así, que a ordenanza de terrazas vai ser unha normativa á carta, para aplicala en función do que lle pidan as entidades amigas do Partido Popular.
En alusión ás declaracións da Sra. Freire, a concelleira do BNG sinala que mediocre é o propio Goberno municipal pola súa falta de diálogo e por botar abaixo canta alegación se presentou á ordenanza. Esta falta de diálogo, apunta Ermitas Valencia, foi evidenciada onte pola propia Federación de Asociacións de Veciños e Veciñas da Coruña. Outra mostra, salienta a edila nacionalista, é o feito de que as únicas alegacións estimadas polo Goberno municipal foron a da Asociación para a dinamización económica e social Elviña II Fase, entidade de recente creación e vinculada ao Partido Popular.
Pola outra banda, a concelleira do BNG advirte de que, a diferenza da normativa vixente, a normativa do Partido Popular permitirá terrazas en estabelecementos encadrados no grupo 3 (café cantante, café-concerto, karaoke, boleiras, billares, salón de xogos recreativos) e 4 (discotecas, salas de festa, tablaos flamencos, music-hall, cinemas e bingos), sempre e cando estes locais se localicen en lugares sen edificacións de uso residencial e sanitario. Precisamente, o Grupo Municipal do BNG reclamaba, nunha das súas alegacións á ordenanza, que foron todas desestimadas polo Goberno do Sr. Negreira, a eliminación desta autorización de terrazas aos estabelecementos de grupo 3 e 4. Ademais, as nacionalistas pedían que a ordenanza contemplase que en zona acusticamente saturada (ZAS) non se deben autorizar novas terrazas xa que o leitmotiv destas debe ser a redución progresiva dos niveis de ruído exterior até acomodalos aos límites fixados na normativa contra a contaminación acústica.