O Goberno municipal endebeda a cidadanía cun empréstito de 235.000 para un edificio de Cáritas
A Coruña, 19 de marzo de 2012.- O Grupo Municipal do BNG non comparte que o Goberno do Sr. Negreira vaia pedir un empréstito de 235.000 euros para pagar parte do equipamento do centro Boandanza de Cáritas. Estes 235.000 euros contémplanse na operación de empréstito de 11,45 millóns aprobada na Xunta de Goberno Local extraordinaria do pasado venres. As nacionalistas xa rexeitaran, no seu día, que a reprogramación do Urbana C incluíse a rehabilitación deste edificio propiedade de Cáritas para acoller un centro de día e mais un centro social.
A edila do BNG Avia Veira critica que o Goberno municipal endebede o pobo para equipar un edificio propiedade desta entidade eclesial, á que o Goberno do Sr. Negreira agasalla, tamén, con 1,44 millóns de euros dos fondos do Urbana C para rehabilitar o inmoble. A concelleira nacionalista salienta que ademais de agasallar a Cáritas con 1,4 millóns, o Sr. Negreira cedeu ante unhas obrigas desproporcionadas, recollidas no convenio asinado entre o Concello e Cáritas, que fan non só rehabilitar o edificio Boandanza, senón que a esta entidade siga tendo o control das obras que alí se fagan e incluso da actividade futura que o Concello poida desenvolver no interior do edificio.
A concelleira do BNG rexeita que o Goberno do Sr. Negreira decida endebedar o Concello da Coruña cun empréstito que non ten en conta a crise que padecemos. Os cartos públicos, subliña, deberían ir destinados a crear emprego estábel e de calidade e riqueza. Porén, o Goberno municipal materializa a operación de endebedamento prevista nos orzamentos municipais do ano 2013, que foron aprobados co voto en contra do BNG, e beneficia, unha vez máis, aos de sempre. E é que o empréstito, por conta da cidadanía, inclúe 1 millón de euros para o agasallo do Parrote á Autoridade Portuaria e a Copasa e 275.000 euros para a reparación do tranvía turístico, un servizo deficitario do que saca substanciais beneficios a Compañía de Tranvías.