O BNG rexeita o desmantelamento dos trens A Coruña-Ferrol e A Coruña-Lugo-Monforte

O BNG rexeita o desmantelamento dos trens A Coruña-Ferrol e A Coruña-Lugo-Monforte

A Coruña, 19 de marzo de 2013.- O Grupo Municipal do BNG esíxelle ao alcalde que defenda os intereses da cidade diante do seu partido para evitar o desmantelamento das liñas ferroviarias A Coruña-Ferrol e A Coruña-Lugo-Monforte, que recolle o borrador do plan de recorte de servizos ferroviarios en base ao real decreto lei 20/2012, de 13 de julio, de medidas para garantir a estabilidade orzamentaria e de fomento da competitividade.

Segundo este borrador que o Ministerio de Fomento lles achegou aos sindicatos, en Galiza suprimiríase unha cuarta parte das viaxes semanais dos trens de media distancia. Ademais, estacións como Cambre e Cecebre verían reducidos os seus servizos a unha viaxe por día e sentido. Así, no caso da Coruña, o recorte do Goberno central afectaríalles ás liñas A Coruña-Ferrol e A Coruña-Lugo-Monforte.

En base ao borrador, a liña A Coruña-Ferrol sufriría a supresión de 24 trens por semana e a liña A Coruña-Lugo-Monforte perdería 14. Deste xeito, o traxecto A Coruña-Ferrol, que conta a día de hoxe con 66 trens por semana, ficaría reducido a 42 trens por semana, e o traxecto A Coruña-Lugo-Monforte, que conta a día de hoxe con 42 trens por semana, vería reducidos os servizos a 28 trens por semana.

A privatización e a eliminación de trens empeorarán a xa de por si conxestionada mobilidade na cidade e na comarca e prexudicarán, sobre todo, as persoas traballadoras e o estudantado

O Grupo Municipal do BNG rexeita, de fronte, a redución de servizos ferroviarios e reclama a paralización da privatización do sistema ferroviario. Tanto a privatización como a eliminación de trens empeorarán a xa de por si conxestionada mobilidade na cidade da Coruña e na comarca e prexudicarán, sobre todo, as persoas traballadoras e o estudantado, colectivos que máis empregan o tren como medio de transporte público.

As nacionalistas consideran máis que discutíbel o criterio de eficiencia económica cando os servizos que Renfe presta en Galiza son obsoletos, con tempos de viaxe nada competitivos e con prezos que fan fuxir as potenciais persoas usuarias. De feito, o tramo A Coruña-Ferrol, que custa xa 5,90 euros despois da última suba do prezo do billete, dura 1h19m, case tanto como o AVE Madrid-Valencia.

 

O BNG reclama a creación dunha liña de proximidade entre A Coruña-Ferrol e as vilas da comarca

O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto a discriminación que sofre a área metropolitana da Coruña respecto doutras zonas do Estado que, malia contar con menor número de habitantes, teñen tren de proximidade. Tramos como o de A Coruña-Ferrol suman máis de 600.000 habitantes, cifra superior á de Murcia e á de Santander, que si teñen servizos de cercanías. É por iso que o BNG insiste en solicitar un tren de proximidade entre A Coruña-Ferrol e as vilas da comarca, aproveitando o paso das vías polos polígonos industriais, polo Campus de Elviña e polo porto até o centro da cidade.

Ademais, as nacionalistas piden abaratar as tarifas, mellorar o material rodante e as infraestruturas (como o traspase en Betanzos), co fin de reducir o tempo de viaxe entre A Coruña e Ferrol, e transferir as competencias en materia ferroviaria a Galiza, co financiamento e os medios axeitados, para creación dunha Compañía Ferroviaria Pública Galega.

O BNG rexeita o desmantelamento dos trens A Coruña-Ferrol e A Coruña-Lugo-Monforte