O Goberno municipal desestima as alegacións aos orzamentos presentadas polo BNG
A Coruña, 19 de decembro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG vén de coñecer que o Goberno do Sr. Negreira desestimou as alegacións presentadas polos nacionalistas aos orzamentos de 2013, renunciando, así, a facerlle fronte ao paro e a mellorar a vida dos e das veciñas da Coruña. O Grupo Municipal do BNG solicitaba a devolución dos orzamentos de 2013 por non priorizaren o principal problema que sofre o pobo: o desemprego, por contaren cunhas previsións de ingresos pouco realistas e por blindaren as achegas públicas ás empresas privadas malia non estaren asegurados os ingresos.
No que ten a ver co desemprego, o Grupo Municipal do BNG sinalaba que o Concello "ten o deber de xogar un papel máis activo na procura de novos xacementos de emprego e na axeitada xestión dos fondos destinados á formación dos e das traballadoras". Na mesma liña, os nacionalistas consideraban que a recuperación de postos de traballo virá da man dunha política de apoio aos sectores estratéxicos da cidade.
Nunha cidade cunha taxa de paro á alza, onde cada día, 10 persoas engrosan as listas de desemprego, o BNG solicitaba que se incrementasen as partidas que teñan como fin a loita contra o paro, as axudas a persoas emprendedoras, o apoio do emprego e da participación das mulleres e a promoción da igualdade. Os nacionalistas salientaban que a muller e a xente moza son os colectivos que máis sofren a sangría do desemprego e advirtían de que as mulleres, un ano máis, contan con 0 euros no orzamento municipal.
No que respecta ás previsións de ingresos, o Grupo Municipal do BNG puña de manifesto que son "excesivas e pouco realistas, resultando unhas contas irreais que están baseadas en estimacións, sen ningunha prudencia nin cautela". Os nacionalistas aludían ao informe do interventor xeral neste sentido, que afirma que "non se pode asegurar e garantir a viabilidade dos ingresos previstos por eses impostos que son, sen dúbida, os máis afectados pola actual situación económica" ou que "resulta complicado concluír sobre a razonabilidade das previsións de ingresos efectuados para estes impostos debido ao alto grao de incerteza económica existentes". Salientaba tamén o BNG que o interventor chega a cualificar de "excesiva" a previsión de ingresos relativa ao ICIO. Hai que ter en conta que a previsión de ingresos por este imposto é de 5,2 millóns e que a 9 de novembro de 2012 só se teñen recadado 2,44 millóns correspondentes ao actual exercicio económico.
Os orzamentos: un agasallo para os de sempre
Ademais, o Grupo Municipal do BNG apuntaba nas alegacións que malia non estaren asegurados boa parte dos ingresos, o Goberno do Sr. Negreira blinda as achegas públicas a empresas privadas por conta do investimento social, no que representa un agasallo para os de sempre. Así, os nacionalistas aludían ás subvencións que recibe a Compañía de Tranvías (canto máis soben as tarifas, maiores son as subvencións) e ao Parrote, onde se prevé un gasto de 1 millón de euros. Esta cantidade, advertían os nacionalistas, non se axusta ao convenio asinado entre Concello e Autoridade Portuaria.
O Grupo Municipal do BNG tamén se refería nas alegacións á conxelación do IBI á Autoridade Portuaria. Este agasallo do Sr. Negreira ao Porto tradúcese en que o Concello deixará de ingresar 1,09 millóns. E isto, malia os 17 millóns de beneficios cos que contou a entidade o pasado ano.
Outra das apreciacións que facían os nacionalistas nas súas alegacións era os ingresos que achega Emalcsa como ingreso patrimonial, consecuncia do que paga a maiores a cidadanía polo recibo da auga.
Os cambios que solicitaba o BNG para mellorar a vida da veciñanza
Nas súas propostas, que o Goberno municipal rexeita, o Grupo Municipal do BNG reclamaba eliminar a transferencia do millón de euros á Autoridade Portuaria e reducir as cantidades que o PP lles achega ao mantemento integral da cúpula panorámica e explotación do elevador, a outros traballos realizados por outras empresas, ao convenio da Fundación María José Jove, a outros gastos diversos en promoción turística e a publicidade e propaganda en fomento do emprego.
Cos cartos das anteriores partidas, 1.330.792,06 euros, os nacionalistas reclamaban incrementar as partidas que tivesen como fin a loita contra o desemprego, as axudas a persoas emprendedoras, o apoio ao emprego e participación das mulleres e a promoción da igualdade. Tamén pedía o BNG aumentar as partidas de educación ambiental, campañas sanitarias, reunións, conferencias e cursos, prensa, revistas, libros e outras publicacións, actividades culturais e deportivas, Fundación Luís Seoane, Contrato xestión da Escola Municipal de Música, Plan municipal de persoas con discapacidade, produtos alimenticios, programas sociais, outras axudas correntes ao exterior, programa de erradicación do chabolismo, programas de promoción da xuventude, obras de reposición en colexios públicos, achega do centro asociado da UNED, contratos da rede informática de centros escolares, actividades de fomento da lingua galega, actividades de participación cidadá e de reparación de mercados.