O BNG acusa o Goberno municipal de desviar a atención sobre Someso para non ir contra as promotoras
A Coruña, 19 de decembro de 2012.- Sobre as últimas declaracións do Goberno municipal contra o BNG no caso Someso, os nacionalistas poñen de manifesto que o tanto o Sr. Negreira como o Sr. Flores teñen mala conciencia por todo o que consentiron na súa etapa de oposición e polas medidas que teñen adoptado en beneficio das promotoras desde que están á fronte do Goberno municipal (modificación do Plan Parcial de Someso para mellorar o aproveitamento urbanístico, cancelación de cargas ou declarar a caducidade de licenzas).
Os nacionalistas pídenlle ao Sr. Negreira e ao Sr. Flores que non se equivoquen disparando a quen non é responsábel desta desfeita urbanística e esíxelles que centren todos os seus esforzos en pedirlles responsabilidades ás promotoras e en actuar contra elas, ao seren as grandes beneficiadas en Someso por se apropiaren de bens do Concello. Isto é o que ten que facer o Goberno municipal e non gastar esforzos en atacar o BNG, que é unha maneira de desviar a atención para non ir contra as promotoras.
Como consecuencia da remisión do resultado da investigación á Fiscalía, e que o BNG apoia, o Goberno municipal tería que actuar de inmediato para reclamar sobre o que o Concello ten dereito, actuando contra as promotoras, para o que non é necesario esperar ao que decida o Ministerio Fiscal. Así, alén das actuacións que adopte a Fiscalía, o Concello ten que revisar de oficio todas as actuaciones e acordos adoptados ao respecto e proceda, en consecuencia, contra os promotores que se apropiaron dos seus bens para que se poida resarcir económicamente.