Carril: "Hai que actuar de inmediato contra as promotoras de Someso que achegaron bens do Concello"

Carril: "Hai que actuar de inmediato contra as promotoras de Someso que achegaron bens do Concello"

A Coruña, 18 de decembro de 2012.- O portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, debullou esta mañá en rolda de prensa as novidades sobre o caso Someso, unha vez que o Goberno do Sr. Negreira informou do remate do proceso de investigación sobre esta desfeita urbanística perpetrada polo vazquismo e da que se beneficiaron promotores como o Sr. Fontenla.

O nacionalista advertiu de que o BNG apoiará todas as actuacións que o Ministerio Fiscal pode realizar en virtude das conclusións do informe xurídico, informe que chama a atención por non dicir cales son as condutas tipificadas como delito nin que delitos se están a cometer. "En todo caso, o certo é que unha eventual condena polos feitos denunciados levaría aparellada a inclusión do acto administrativo (venda dos terreos municipais, proxecto de compensación...) nun suposto de nulidade de pleno dereito (en virtude do artigo 62.1.d) da Lei 30/1992 e, en consecuencia, a obriga da súa revisión de oficio por parte do Goberno municipal", sinalou.

Carril expuxo na rolda de prensa que no informe do 15 de xuño de 2012 e no da asesoría xurídica, que se elabora tendo en conta o informe antes citado, faise constar como probado que houbo sociedades que se apropiaron privativamente de bens patrimoniais do Concello, causando un prexuízo económico en concepto de perdas que o informe cuantifica en 19.239.385,35 euros. "O Concello debe exercer os seus dereitos como propietario fronte aos promotores que achegaron como propios bens que eran municipais". "É necesario que o Concello, tendo coñecemento disto revise de oficio todas as actuaciones e acordos adoptados ao respecto e proceda, en consecuencia, contra os promotores que se apropiaron dos seus bens para que se poida resarcir da cantidade de 19.239.385,35 euros", salientou.

Neste contexto, o portavoz do BNG sinalou que "o Concello non pode aquitarse nin pode continuar executando actos administrativos que tiñan por obxecto accións que operan sobre terreos cuxa reparcelación é nula de pleno dereito". Citou, entre outros, a cancelación de cargas, o outorgamento de licenzas, a modificación de plans parciais ou declaración de caducidade de licenzas. Así, denunciou que o Goberno do Sr. Negreira "non está a facer nada contra aqueles que se apropiaron privativamente de bens patrimonio do Concello".

 

"Mentres o PP gardaba silencio cómplice coa política urbanística perpetrada polo vazquismo e polos grandes promotores, o BNG era o único grupo que denunciaba o pelotazo"

Carril indicoulle ao Goberno Sr. Negreira que "non se equivoque apuntando contra o BNG, cuxa actuación aquí, tanto desde o punto de vista político como legal foi e é intachábel". "Mentres o PP gardaba silencio cómplice coa política urbanística perpetrada polo vazquismo e polos grandes promotores (Fontenla e compañía), o BNG era o único grupo que denunciaba o pelotazo da venda do aproveitamento municipal e o convenio coa familia Yordi", apuntou. "Cando a Xunta de Goberno municipal rexeitou a solicitude de reversión dos terreos de Someso, o 5 de novembro de 2010, o BNG, que formaba parte do goberno, rexeitou a decisión absténdose nesta Xunta de Goberno Local", lembrou.

Por último, en relación coas sentenzas das que tomou coñecemento, Carril sinalou que non ten problema ningún en facerlle chegar ao Sr. Flores as sentenzas e mesmo de lerlle os fallos, "a ver se así se entera dunha vez de que non son recorríbeis en recurso ordinario de casación, tal e como consta nos seus fallos, en que non se abría a interposición deste recurso". É dicir, o Goberno o Sr. Flores acusa a concelleiros do BNG de non recorrer en casación unha sentenza que non era recorríbel en recurso de casación ordinario.

Carril explicou que sentenzas mencionadas eran firmes, e contra elas só era admisíbel a interposición de recurso de casación extraordinario en interese de lei, un recurso que, de acordo coa lei xurisdicional (Lei 29/1998) non afectaría nin ao fallo das sentenzas nin ás suas consecuencias xurídicas (a reversión dos terreos e a indemnización sustitoria). Este recurso en interese de lei era manifestamente improcedente e estaba avocado ao fracaso, dado que o que se cuestionaba nestes procedementos era se a adquisición dos terreos se efectuara dentro dun procedemento expropiatorio e iso é unha cuestión de feito, non revisábel en casación.

Ao mesmo tempo, o nacionalista preguntou se o Goberno municipal recorreu perante o Supremo as últimas sentenzas do TSXG que ordenaron a reversión dos terreos en Someso, falladas cando o PP estaba xa no Goberno municipal. "O Sr. Flores debería precisar se o Goberno actual recorreu en interese de lei as últimas sentenzas do TSXG que ordenaron a reversión dos terreos en Someso, falladas cando o PP estaba no Goberno municipal", concluíu.

Carril: "Hai que actuar de inmediato contra as promotoras de Someso que achegaron bens do Concello"