O Goberno do PP négase a corrixir o erro do PXOM sobre a Torre advertido polo BNG
A Coruña, 23 de xaneiro de 2014.- O Grupo Municipal do BNG denuncia que o Concello da Coruña recoñece un erro na publicación do contido normativo do PXOM en relación á Torre de Hércules, erro que lle transmitiu o portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, ao Sr. Negreira, mais négase a resolvelo de inmediato. O Bloque considera surrealista e inadmisíbel que unha Administración pública recoñeza, a través dun escrito, un erro e que non proceda a resolvelo de inmediato, máxime cando o erro atinxe a un asunto tan trascendental como a Torre.
O erro foi detectado por Carril no artigo 4.1.15 da publicación do contido normativo do Plan Xeral no Boletín Oficial da Provincia (BOP) nº 129, artigo en relación coa Torre de Hércules. Neste artigo figura que en tanto no se redacte y apruebe el mencionado Plan Especial de Protección, coordinadamente con el Plan Director citado, se aplicarán de forma transitoria las determinaciones previstas en el Plan Especial de Ordenación, Protección, Conservación y mejora de la Península de la Torre de Hércules aprobado el 14 de marzo de 1997, con las modificaciones derivadas del desarrollo del POL-H2.01 Ronda de Monte Alto del plan general de 1998. Porén, tal e como figura na ficha do Plan Especial, o correcto é o POL-G2.01, xa que o POL-H2.01 é o da Travesía de San Antonio, que nada ten a ver co plan especial da Torre.
Precisamente, o portavoz do Grupo Municipal do BNG dirixiuse ao Sr. Negreira, a través dun escrito de 30.12.2013 (achégase xunto á nota), para solicitarlle que se adoptasen as medidas pertinentes para corrixir o erro do art. 4.1.15 do PXOM en relación coa Torre de Hércules. A 15.01.2014, o director de Urbanismo do Concello achegoulle un escrito a Carril (achégase xunto á nota) en que recoñece que se trata dun erro na redacción do documento mais advirte de que aínda co erro detectado poden desenvolverse as determinacións do PXOM sen problema ningún. Así, o escrito do Concello conclúe que non é unha cuestión urxente e pódese esperar para a súa acumulación e subsanación conxunta con outras que puidesen aparecer máis adiante.