O BNG aposta por medios de transporte alternativos para reducir os coches nos accesos á cidade
A Coruña, 24 de xaneiro de 2014.- En relación á gran conxestión desta mañá nos accesos á Coruña, o BNG pon de manifesto que a solución aos problemas de mobilidade que padecemos na cidade e na comarca está no transporte público a nivel comarcal e nos medios de transporte alternativos ao coche, como o tren de proximidade ou o transporte marítimo. De aí que as nacionalistas aposten polo investimento público nun bo transporte colectivo metropolitano en lugar de gastar en grandes obras. Este transporte público metropolitano, salientan, tería que actuar baixo as claves de frecuencia, axilidade, comodidade, boas conexións e prezo asequíbel para que poida converterse nun un auténtico servizo de interese xeral alternativo ao automóbil privado.
Nesta liña, o Bloque sinala que cómpre actuar sobre a xénese do problema: o fluxo de 145.000 ao día na entrada e na saída da cidade- Entende o BNG que é necesario evitar que continúen entrando e circulando coches na cidade. Así, as nacionalistas poñen de manifesto que a desconxestión do tráfico na Coruña non depende só de intervencións na mobilidade por estrada, senón na aposta por outras vías de comunicación alternativas, nomeadamente o tren de proximidade. Respecto do tren, o BNG lembra que non son necesarias obras faraónicas nin grandes investimentos, xa que as infraestruturas (os camiños de ferro, que pasan polos principais concellos da comarca, polos polígonos industriais, polo campus universitario de Elviña e chegan até a praza de Ourense) xa están listas para seren usadas.