No derradeiro trimestre do ano, 800 persoas tiveron que emigrar ou desistiron de apuntarse ao paro
A Coruña, 23 de xaneiro de 2014.- O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) revelan que un total de 800 persoas, como mínimo, pasan da Administración e fican descolgadas das listas do desemprego no derradeiro trimestre do ano, o que significa que no último trimestre do ano unhas 800 persoas, como mínimo, da nosa cidade tiveron que recorrer á emigración en busca dun posto de traballo ou que deixaron de apuntarse ás listaxes do desemprego por desánimo ao non dar atopado traballo. Ademais, respecto do pasado ano, hai 6.600 persoas activas e 4.700 persoas ocupadas menos. E os números, alerta o BNG, van seguir caíndo pola xente, sobre todo mozos e mozas, que se ve abocada ao drama da emigración. Con estes datos, o Sr. Negreira non pode dicir que A Coruña resiste, porque non é certo e porque as cifras seguen a ser negativas para a cidade.
O Bloque relativiza as cifras da EPA porque nin sequera reflicten a tipoloxía de contratos das persoas que atoparon un emprego. O BNG sinala, ao respecto, que sería conveniente analizar se se trata de contratos indefinidos ou temporais e se se trata de contratos a tempo completo e a tempo parcial, amais do salario. E é que a inmensa maioría dos postos de traballo que se crean nos últimos tempos teñen unhas condicións salariais que non lles permiten o traballador e a traballadora poder vivir do seu salario e tampouco lles permiten saír dunha situación de pobreza (cando o soldo non dá para vivir). Precisamente, nisto mesmo vén de insistir a Unión Europea.
O BNG tira do recentemente publicado Estudo da evolución do emprego e da situación social en Europa de 2013, que pon de manifesto que o feito de conseguir un posto de traballo só axuda á metade dos e das traballadoras a saír da pobreza, o que depende do tipo de posto de traballo do que se trate (algo que non reflicte a EPA), entre outros factores persoais do ou da traballadora. O Bloque salienta as declaracións de László Andor, comisario de Emprego, Asuntos Sociais e Inclusións, que sinalou que non só temos que prestarlle atención á creación de postos de traballo, senón tamén á calidade destes últimos, co fin de lograr unha recuperación sostíbel que non reduza unicamente o desemprego, senón tamén a pobreza.