O custo da obra do aparcadoiro do Oncolóxico supera o orzamento total EMVSA
A Coruña, 27 de xaneiro de 2014.- O Grupo Municipal do BNG subliña que o custo da obra do aparcadoiro do Hospital Materno-Infantil e do Oncolóxico supera o orzamento total de EMVSA, que se asume economicamente a construción ao 100% pola súa conta e risco malia a súa delicada situación económica. As obras do aparcadoiro saíron licitadas por 2.950.000 euros, a mesma cantidade pola que, finalmente, foron adxudicadas. Este importe, que ascende a 3.569.500 euros co IVE, é superior aos 3.101.130 euros do orzamento de EMVSA, un orzamento que non recolle a encomenda de xestión desta obra.
Curiosamente, no expediente que foi a Xunta de Goberno Local o 13.12.2013 e que lle outorgaba a licenza a EMVSA para a construción do aparcadoiro, recollíase un orzamento de execución material desta obra de 2.400.000 euros. Así o reflicte o informe proposta de 10.12.2013. Mentres o expediente da Xunta de Goberno Local recollía un orzamento de execución material de 2.400.000 euros, a 01.10.2013 a plataforma de contratación do Estado e mais o perfil do contratante de EMVSA e a 18.10.2013 o Boletín Oficial da Provincia xa recollían que o orzamento base de licitación ascendía a 2.950.000 euros. De aí que o BNG se pregunte por que motivo o expediente da Xunta de Goberno Local de 13.12.2013 incorpora un orzamento menor ao realmente licitado.
Pola outra banda, o Grupo Municipal do BNG ironiza coa felicitación á empresa Copasa por ser a adxudicataria desta obra, tal e como publica o BOP do día de hoxe. Esta compañía está a ser a adxudicataria das últimas grandes obras impulsadas na cidade da Coruña, como é o caso do aparcadoiro e túnel do Parrote ou do túnel subterráneo da Mariña, á que concorreu nunha unión temporal de empresas (UTE).
O BNG advirte da delicada situación económica de EMVSA
O Grupo Municipal do BNG lembra que a última memoria de xestión da empresa municipal pon de manifesto a necesidade de financiamento adicional e salienta que a situación económica actual e as dificultades para acceder a financiamento están a xerar incerteza.
Para o BNG esta delicada situación económica responde as variadas xestións que lle encomenda a Emvsa o Goberno do Sr. Negreira. Amais da construción e explotación do aparcadoiro do Materno-Infantil e do Oncolóxico, o Goberno do Sr. Negreira encomendoulle a construción do aparcadoiro das Conchiñas, a realización da revisión do PEPRI e a xestión das multas por infraccións de tráfico.