EPA: A austeridade e as reformas laborais provocan máis paro, máis pobreza e máis miseria
A Coruña, 24 de xaneiro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG advirte de que os alarmantes datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA), correspondentes ao último trimestre de 2012, demostran que nin a austeridade do PP nin as reformas laborais, antes a do PSOE e agora a do PP, crean emprego, senón que provocan máis paro, máis pobreza e, en consecuencia, máis miseria.
Segundo os datos da EPA, o paro non deixa de aumentar na nosa cidade. Así, no primeiro trimestre da cidade a taxa de desemprego situouse no 13,4%, no segundo trimestre, no 15,3%, no terceiro, descendía ao 14,9% e no derradeiro trimestre, o 17,9%. As nacionalistas cualifican de demoledora a suba do desemprego en tres puntos desde o terceiro ao cuarto trimestre, demostrando unha tendencia alarmante. Ademais, advirten de que a taxa de paro subiu 3,5 puntos respecto do cuarto trimestre de 2011.
Malia estes datos dramáticos, o Grupo Municipal do BNG critica que o Sr. Negreira permaneza de brazos cruzados. Precisamente, cando se coñeceron as cifras do terceiro trimestre do ano, en que a taxa de paro baixaba, o alcalde da Coruña vendía como "esperanzador" o dato. E esta mañá, o Sr. Negreira apelaba a ver os datos "con perspectiva". O BNG entende que a loita contra o desemprego debería ser a prioridade do Goberno municipal, que segue sen dar resposta e sen cumprir a promesa do plan de emprego.
No que ten a ver cos datos nacionais, o Grupo Municipal do BNG alerta de que Galiza conclúe o ano cunha taxa de paro do 21,28% e o que é máis grave: a taxa de actividade é baixísima. Así, só o 55,22% da populación potencialmente activa en Galiza ten traballo neste momento, fronte ao 59,80% do conxunto do Estado español, case cinco puntos menos de taxa de actividade.
O Grupo Municipal do BNG critica que o PP, tanto a nivel estatal, como nacional como municipal, se centre sempre en asuntos macroeconómicos como a débeda ou o déficit, sen falar nunca nin das persoas nin da creación de emprego.