O BNG lembra que os tribunais condenaron o Goberno do Sr. Negreira por vulnerar os dereitos do BNG
A Coruña, 24 de xaneiro de 2013.- En relación aos datos sobre a transparencia no Concello da Coruña, o Grupo Municipal do BNG lembra que os tribunais condenaron o Goberno do Sr. Negreira por, precisamente, denegarlle o acceso e copia do expediente de solicitude de subvención ao transporte colectivo urbano para o 2011. Así, as nacionalistas salientan que a sentenza do Xulgado Contencioso-Administrativa nº1 da Coruña, de 20 de setembro de 2012, advirte de que se vulneraron os dereitos fundamentais de participación política e de participación en asuntos públicos dos e das edís do BNG e poñen de manifesto que o propio Ministerio Fiscal entendeu que tamén houbo vulneración de dereitos fundamentais.
Non foi a única vez que o Goberno do Sr. Negreira lle impediu ás edís do BNG o acceso a expedientes e documentación para tratar de evitar o labor de control que exercen as nacionalistas respecto da acción do Goberno. Foi o que lles aconteceu co acceso e/ou copias de documentación sobre o Ofimático, a Compañía de Tranvías, Nostián, infravivendas, festas, etc.
A opacidade do Goberno municipal tamén se puxo de manifesto co plan de axuste, que se lles mantivo oculto aos grupos políticos da oposición até a tarde do día anterior (xornada de folga xeral) ao Pleno en que se debatería.
O Goberno municipal fraccionou contratos para poder recorrer ao procedemento negociado sen publicidade, que tanto criticou o PP na oposición
No que ten a ver coas contratacións, as nacionalistas advirten de que o Goberno do Sr. Negreira recorre, en numerosas ocasións, ao procedemento negociado sen publicidade, que tanto criticou o PP na etapa da oposición. O BNG salienta que o Goberno municipal mesmo ten fraccionado contratos, co fin de reducir os importes ao máximo legal, para poder acudir ao procedemento negociado sen publicidade. Precisamente, as nacionalistas presentaron varias iniciativas, en forma de pregunta escrita, sobre este asunto.