O BNG e A Mesa denuncian que A Coruña é a única cidade cuxo goberno non emprega o galego
A Coruña, 23 de xaneiro de 2013.- A concelleira nacionalista Avia Veira reuniuse esta mañá co presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, e co responsábel da Mesa na comarca da Coruña, Fran Rei, co fin de analizar a situación en que se atopa a nosa lingua na cidade. Na rolda de prensa posterior ao encontro, Veira advertiu da regresión no avance da recuperación de espazos da lingua galega, "o uso do galego no Concello da Coruña está a desaparecer, de feito, é a única cidade de Galiza en que o Goberno municipal non emprega o galego". Neste contexto, denunciou que o Goberno municipal incumpre sistematicamente a lexislación vixente en materia de lingua.
A edila do BNG puxo como exemplos do restroceso lingüístico que se está a dar no Concello desde que goberna o PP a eliminación da partida de fomento para a lingua nos orzamentos municipais, a supresión da propia Concellaría de Normalización Lingüística do organigrama do goberno, a desaparición da formación aos e ás empregadas municipais en galego, a redución de documentación interna en galego ou o emprego de toponimia deturpada e ilegal. "O uso da nosa lingua no Concello ficou reducido a cuestións irrelevantes e anecdóticas, con estereotipos e tópicos prexudiciais para o galego", sinalou Veira.
A concelleira nacionalista aludiu tamén ao incumprimento da lexislación lingüística por parte da Compañía de Tranvías, que segue a facerlle caso omiso ao ditame do Valedor do Pobo. Precisamente, o Valedor pronunciouse contra a exclusión da nosa lingua por parte desta concesionaria municipal logo de que un coruñés presentara unha denuncia pola vulneración de dereitos lingüísticos.
Por último, a edila do BNG salientou que "en tempo de crise é necesario reforzar a lingua, pois un país que se coñece a si propio e reforza o seu sinal de identidade principal é un país que cre en si propio e é quen de medrar".
Callón critica que o Goberno municipal actúe como se o galego non for a lingua propia da Coruña, que é a urbe con máis persoas que falan galego
Na mesma liña, Callón engadiu que "nestes momentos convulsos é máis necesaria que nunca a cohesión social e os elementos de unión, como a lingua". Subliñou que "un Goberno que non acredita na lingua e na cultura é un Goberno que non acredita no desenvolvemento económico da sociedade", como é o caso do Goberno municipal da Coruña.
O presidente da Mesa apuntou que "vemos con moita preocupación o que acontece nesta cidade e o nivel de exlusión do galego e de vulneración da legalidade". "A situación da Coruña non se dá en ningunha outra cidade de Galiza, goberne quen gobernar", salientou. "Lamentabelmente, o Goberno do Sr. Negreira actúa como se o galego non for lingua oficial". E iso, engadiu, que en termos cuantitativos a cidade da Coruña con máis persoas galegofalantes en Galiza, malia a caída que se está a producir dunhas xeracións a outras. Neste sentido, puxo de manifesto que "mesmo a inmensa maioría daquelas persoas que non falan galego desexan que o galego sexa promovido polos poderes públicos".
Callón: "Escolas da Coruña teñen material en inglés e non teñen material en galego"
Sobre o uso do galego no ensino, o presidente da Mesa apelou a Rosalía ao sinalar que a nosa lingua "é estranxeira na propia patria". E é que a porcentaxe de uso galego en moitos centros de ensino da nosa cidade é inferior que a porcentaxe de uso en inglés. De feito, Callón denunciou que na nosa cidade hai escolas que teñen material en inglés e non teñen material en galego.
Tamén se referiu Callón ao ataque do ministro Wert á nosa lingua, "é un insulto que se queiran pagar con cartos públicos os colexios privados daquelas persoas que non queren que as súas crianzas escoiten o galego".
O BNG e a Mesa pola Normalización Lingüística animan a cidadanía da Coruña a participar na manifestación nacional en defensa do galego
Tanto Avia Veira como Carlos Callón fixeron un chamamento á cidadanía da Coruña para que participe na manifestación nacional en defensa da lingua convocada por Queremos Galego baixo o lema "Pola lingua que nos une". Terá lugar este domingo, 27 de xaneiro, con saída ás 12h da Alameda de Santiago de Compostela.
A organización pon autobuses a disposición de todas as persoas que desexen participar na mobilización. Sairán da praza da Palloza ás 10.30. Para se anotar, cómpre enviar un correo electrónico a [email protected] ou chamar ao 981 169 293, antes do xoves á noite.