Os empréstitos para pagar os dispendios do PP fan que a débeda do Concello sexa das máis altas
A Coruña, 9 de novembro de 2014.- Os préstamos para pagar os dispendios do Sr. Negreira non só fan que o Concello da Coruña se endebede máis, senón que a súa débeda sexa das máis altas dos últimos anos. Así, ano após ano, o Goberno Local do Partido Popular foi acrecentando a débeda do Concello da Coruña até a situar na máis alta dos últimos oito anos, mesmo incumprindo os obxectivos de débeda e estabilidade orzamentaria no propio ano 2013. Por esta razón, o BNG pregúntalle ao Sr. Negreira onde está a austeridade no gasto público innecesario do que tanto falaba o Partido Popular.
Despois de facer público, o Goberno Local, o anexo de investimento dos orzamentos de 2015 a través da prensa local, e coñecer que o Concello da Coruña se endebedará novamente cun empréstito de 12,3 millóns de euros, dos que 10,59 millóns terán como destino o pago das obras da Mariña, as nacionalistas lembran que os dispendios de Negreira para financiar os seus caprichos faraónicos hipotecan as arcas municipais e endebedan máis o Concello. Salienta o BNG que xa boa parte do empréstito de 11,45 millóns de euros solicitado en 2014, en concreto 4 millóns, foi para estas obras da Mariña, así como parte dos empréstitos de 2012 e 2013 foron para as obras do Parrote. Por tanto, o maior endebedamento do Concello da Coruña vén motivado polas obras da Mariña e do Parrote e non para atender as necesidades primarias e as necesidades sociais da veciñanza da Coruña.
Estes empréstitos para pagar os dispendios do Partido Popular no Concello da Coruña, manifestan as nacionalistas, non fan máis que acrecentar a débeda viva do concello. Un capital pendente de amortizar cos bancos que medra ano após ano e que fai situar a débeda nunha das máis altas historicamente. O informe de estabilidade orzamentaria á liquidación de 2013 do interventor sinalaba que a débeda pendente do Concello da Coruña era de 78,21 millóns de euros e que a débeda seguía a medrar respecto a anos pasados (2006:68,28; 2007:75,82; 2008:76.33; 2009:75,78; 2010:77,27; 2011:70,03; 2012:75,73; 2013:78,21). Mesmo o propio Goberno español, tras faceren públicos os resultados individualizados dos saldos orzamentarios de todos os concellos do Estado, sinalou que en 2013 o Concello da Coruña non cumpriu os obxectivos de débeda e estabilidade orzamentaria.
Por todas estas razóns, as nacionalistas pregúntanlle ao Sr. Negreira onde está a austeridade no gasto público innecesario do que tanto falaba o Partido Popular, pois os investimentos e os créditos non veñen máis que pór en evidencia que se antepoñen os caprichos do Goberno Municipal por diante das necesidades primarias e sociais do pobo.