Os orzamentos de Cultura son unha emenda á totalidade do realizado até o de agora
A Coruña, 10 novembro de 2014- O Grupo Municipal do BNG considera que os orzamentos da Concellaría de Cultura para 2015 son unha emenda á totalidade sobre o realizado até o de agora, xa que a partida de festas destas contas é a máis baixa dos anos de mandato do Sr. Negreira. Para as nacionalistas as contas de Cultura para 2015 poñen de manifesto que o IMCE estaba a gastar en festas máis do necesario. Van máis alá ao advertir de que as cantidades gastadas en festas polo Partido Popular nos últimos anos son completamente obscenas. Lembra o Bloque que o IMCE levou 4,3 millóns nos orzamentos de 2012, 4,6 millóns nos de 2013, 5 millóns nos de 2014 e 4 millóns nos de 2015.
Pola outra banda, o Grupo Municipal do BNG sinala que os orzamentos da Concellaría de Cultura demostran que o Goberno do Sr. Negreira segue a apostar polos eventos espectaculares que non crean cultura. Afirman que Picasso e Chillida están moi ben, pero advirten de que a veciñanza da Coruña non quere reducirse a ser unha simple espectadora, senón protagonista. Na mesma liña, lembra que o Goberno local expulsou do Teatro Rosalía a quen fai cultura todos os días, como foi o caso de Cántigas da Terra ou doutras asociacións da cidade, e pregúntase que actividades pensa realizar a Concellaría de Cultura para darlle presenza e visibilidade aos e ás artistas plásticas locais.
Ademais, as nacionalistas apuntan a descensos e conxelacións nas partidas destinadas a financiar a Fundación Luís Seoane, que pasou dos 362.480 euros de 2011 aos 350.000 euros de 2015; a Sinfónica, afectada tamén polo recorte importantísimo que sufriu o Consorcio para a Promoción da Música por parte da Xunta de Galiza, que pasou de 3,15 millóns en 2011 a 3,14 de 2015; ou a Escola Municipal de Música, que leva co orzamento conxelado desde hai tres anos e que pasou dos 304.357 euros de 2011 a 274.000 euros de 2015.