O director de Urbanismo participou nun asunto en Someso cuxo proxecto era da súa autoría
A Coruña, 2 de marzo de 2013.- O portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, deu a coñecer esta mañá en rolda de prensa que o director de Urbanismo do Concello da Coruña, César Otero Grille, participou activamente no outorgamento dunha prórroga dunha licenza caducada para a construción dun aparcadoiro soterrado na parcela S-11 do S-7, Recinto Feiral de Someso, cuxo proxecto era da súa autoría.
Ademais, Carril debullou na rolda de prensa o recurso de reposición, presentado esta mañá polo Grupo Municipal do BNG, contra o acordo da Xunta de Goberno Local de 23.02.2013, de subrogamento de licenza e prórroga de licenza para a construción deste aparcadoiro soterrado. Nesta Xunta de Goberno Local, que tivo lugar hai, precisamente, unha semana, acordouse autorizar a subrogación de titularidade de licenza e prorrogar en 30 meses o prazo da licenza outorgada o 23 de maio de 2008 para a construción deste aparcadoiro soterrado na parcela S-11 do Recinto Feiral de Someso (sector S-7).
Carril explicou que no expediente Informe-Proposta de 30.01.2013 (que se achega xunto á nota de prensa), coa conformidade do propio Otero Grille e co Vª Bª do concelleiro de Urbanismo, o Sr. Fernández Prado, sinálase que o prazo outorgado na licenza do 2008 venceu en decembro de 2010 e que a solicitude presentada en novembro de 2012 (sobre a cal corresponde a resolución da XGL obxecto do recurso) é en si mesma extemporánea. Precísase no informe, engadiu Carril, que da documentación aportada infírese que resta por executar case o 100% da obra (só se certifican actuacións previas e baleirado e recóllese no expediente que o 25 de abril de 2012 compróbase que as obras non tiñan comezado. E malia todo isto, o Goberno municipal concedeu a prórroga, denunciou Carril.
O portavoz do BNG advertiu de que non se fai referencia ningunha no Informe-proposta, nin consta no expediente, a solicitude de silencio administrativo da solicitude de prórroga de 19.11.2008 nin hai referencia ningunha, tampouco, ao incumprimento das cláusulas administrativas de concesión do subsolo público das parcelas do S-7 do ano 2007. É máis, engadiu Carril, nin siquera se precisa no Informe-Proposta que a parcela S-11 é de titularidade pública e suxeita a un réxime concesional.
A prórroga da licenza infrinxe o art. 19.3 do Decreto 28/1999 e o acordo da XGL de 23.02.2013 causa nulidade pola participación activa do director de Urbanismo, que figura como interesado no expediente
O recurso de reposición rexistrado esta mañá polo Grupo Municipal do BNG (achégase xunto á nota de prensa) explica que a prórroga da licenza infrinxe manifestamente o art. 19.3 do Decreto 28/1999, de 21 de xaneiro, de Regulamento de disciplina urbanística de Galicia, e que o acordo da Xunta de Goberno Local do pasado sábado causa nulidade por participación activa no procedemento do director de Urbanismo, o Sr. Otero Grille, que figura como interesado no expediente.
O recurso de reposición presentado polo Grupo Municipal do BNG expón que consta no expediente a condición de interesado do director de Urbanismo no Certificado descritivo de obra e acreditativo do seu estado construtivo, de data 23.10.2012. Neste certificado o Sr. Otero Grille aparece como redactor do proxecto Grupo Tau Coruña S.L-Taller de Arquitectura e Urbanismo, entidade coa que o actual director de Urbanismo tivo unha dilatada relación profesional. Ademais, o recurso de reposición pon de manifesto que na Acta de replanteo, de 17.12.2012, consta que o Sr. Otero Grille é co-proxectista da obra e tamén advirte de que no Visado do COAG, de data 13.09.2012, consta que o Sr. Otero Grille é redactor do proxecto de execución da obra.
Á vista destes datos, Carril puxo de manifesto na rolda de prensa e no recurso de reposición que o Sr. Otero Grille debeuse abster de intervir no procedemento, pola súa evidente e notoria condición de interesado no mesmo. E non só non se abstivo, senón que participou activamente, o cal vicia de nulidade o acordo de outorgamento da prórroga da licenza, salientou.
O portavoz do BNG no Concello da Coruña solicitou, por todo isto, anular e deixar sen afecto a prórroga da licenza outorgada, tal e como recolle no recurso de reposición.
Por último, Carril, que aludiu á dupla vara de medir do Sr. Negreira no no que ten a ver con Someso, sinalou que o Goberno municipal segue a acometer actuacións no Sector 7 de Someso que favorecen os grandes promotores.