O BNG esixe a dimisión ou a destitución do director xeral de Urbanismo
A Coruña, a 3 de marzo de 2013.- O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que por moito que queira confundir a cidadanía o Goberno do Sr. Negreira sinalando que non hai incompatibilidade na actuación do director de Urbanismo porque non traballou para ningunha das dúas empresas que solicitaron a prórroga, o certo é que o que determina a incompatibilidade está na evidente e notoria condición de interesado do director de Urbanismo nun procedemento de outorgamento da prórroga da licenza, na medida en que el é autor do proxecto obxecto da licenza.
Nesta nova actuación do Goberno municipal pódese apreciar, sinalan as nacionalistas, o duplo discurso do Partido Popular en relación co caso Someso. E é que, por unha parte, fai unha utilización política do mesmo, e pola outra, beneficia promotoras que mesmo figuran no informe municipal de 15 de xuño de 2012 como entidades que achegaron como propios bens que eran do Concello, que é o caso de NGB, prorrogando licenzas que noutros casos se terían declarado caducadas.
Como se pode ser imparcial e obxectivo cando se intervén activamente como alto cargo sobre a prórroga dunha licenza que ten por obxecto un proxecto da túa autoría?
O Grupo Municipal do BNG advirte de que a imparcialidade e obxectividade esixidas legalmente en todo procedemento administrativo quedan aquí violentadas desde o momento en que o Sr. Otero Grille, no lugar de absterse de intervir por ter a condición de interesado no asunto, intervén activamente en todo o procedemento. Por esta razón, o director de Urbanismo debería dimitir ou ser cesado no seu cargo.
Tal e como figura no expediente, o Sr. Otero Grille presta conformidade ao Informe-proposta de 30 de xaneiro de 2013, mais tamén participa no procedemento con dous sorprendentes requirimentos de solicitudes de prórroga e documentación de 9 de outubro de 2012 e de 26 de novembro de 2012.
E tal e como figura no expediente, o director de Urbanismo ten a condición de interesado no asunto. Primeiro, porque no Certificado descritivo de obra e acreditativo do seu estado construtivo de 23 de outubro de 2012 consta como redactor do proxecto Grupo Tau Coruña S.L-Taller de Arquitectura e Urbanismo, que é unha entidade coa cal consta de forma pública e notoria unha dilatada relación profesional do Sr. Otero Grille. Segundo, porque na Acta de replanteo de 17 de decembro de 2012 consta que o Sr. Otero Grille é co-proxectista da obra. E terceiro, porque no Visado do Colexio Oficial de Arquitectos de Galiza de 13 de setembro de 2012 consta que o Sr. Otero Grille é redactor do proxecto de execución da obra.
O Goberno Municipal emprega Someso para o que lle interesa do punto de vista político ao tempo que favorece as promotoras que achegaron como propios bens do Concello da Coruña, segundo o informe municipal de 15 de xuño de 2012, prorrogando licenzas que noutros casos se terían declarado caducadas
Nesta nova actuación do Goberno Municipal pódese apreciar o duplo discurso do Partido Popular en relación co caso Someso, dado que, por unha parte, fai unha utilización política do mesmo, e pola outra, beneficia promotoras que mesmo figuran no informe municipal de 15 de xuño de 2012 como entidades que se aportaron como propios bens que eran do Concello, prorrogando licenzas que noutros casos se terían declarado caducadas.
É o caso de NCG Banco, beneficiado da concesión de prórroga da licenza para a construción do aparcamento soterrado na parcela S-11 do Recinto Feiral de Someso (sector S-7), a pesar de que no expediente queda claro que o prazo outorgado na licenza do 2008 venceu en decembro de 2010 e que a solicitude presentada en novembro de 2012 é en si mesma extemporánea, precisándose ademais que da documentación aportada infírese que resta por executar case o 100% da obra (só se certifican actuacións previas e baleirado , alén de que se fai constar no propio expediente que O 25 de abril de 2012 comprobase que as obras non tiñan comezado.
Comparado con outros casos, chama a atención, salientan as nacionalistas, que aquí se proceda á prórroga da licenza, cando noutros casos se ten procedido á declaración de caducidade sen máis. Con todo, o que non figura por ningunha parte do expediente é referencia algunha ao incumprimento das cláusulas administrativas de concesión do subsolo público das parcelas do S-7 do ano 2007. É máis, nin sequera se precisa no Informe-Proposta que a parcela S-11 é de titularidade pública e que está suxeita a un réxime concesional.